O Goberno esquiva culpas pola nevada na AP-6 mentres segue sen ceder coa AP-9
O director xeral de Tráfico argumenta a falta de competencias nas autoestradas de peaxe, ante o colapso desta fin de semana.
O Executivo usa argumentos contraditorios coa AP-9.
A nevada que caeu esta fin de semana na Meseta e que atrapou a centenares de condutores e pasaxeiros na AP-6 tamén provoca contradicións nos argumentos do Goberno para quitar de enriba a súa parte de culpa.
O director xeneral de Tráfico, Gregorio Serrano, xustificou que o seu papel preventivo era unicamente o de dar información. "Lanzáronse máis de 4.000 mensaxes en paneis de información sobre como planificar a viaxe e de non circular por determinadas vías", explicou.
Así, atribuíu que a citada estrada se converteu "nunha rateira" por "múltiples causas", como a decisión "pouco acertada" de condutores de poñerse en circulación a pesar das advertencias da DXT.
Ademais, Serrano escusou a tarefa do Goberno afrmando que aínda que "a DXT ten a competencia de controlar miles de quilómetros de estradas, a AP-6 é unha autoestrada de peaxe que ten o seu propio centro de xestión". "A xestión ante unha avalancha de vehículos é unha cuestión que corresponde ao operativo diario da concesionaria", remachou.
Argumentos que chocan con algúns dos que desde o Executivo de Rajoy se lanzan para xustificar o veto ao traspaso da AP-9 a Galicia. Ademais do aspecto económico, o Goberno resalta sempre a importancia estrutural da arteria que une o norte e o sur de Galicia. É dicir, á vez que nega a cesión a autoestrada para a titularidade autonómica pola súa importancia para a rede de estradas do Estado, recoñece que as súas competencias nas autoestradas de peaxe son pouco máis que informativas.
Escribe o teu comentario