Galicia é a comunidade onde máis baixaron os falecidos nas estradas
O número de vítimas mortais en accidentes de tráfico baixou ata 77 desde os 106 do ano anterior.
Galicia é a comunidade autónoma española na que máis descendeu o número de falecidos en accidente de tráfico en 2017 respecto ao ano anterior, ao rexistrar un descenso de 29 falecidos, pasando dos 106 que houbo en 2016 a 77 en 2017.
Así se desprende do balance anual de sinistralidade viaria 2017 da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), presentado este mércores a partir de cifras provisionais e unicamente referidas aos accidentes mortais ocorridos en vías interurbanas e tomadas ata as 24 horas desde o sinistro.
Tal e como reflicte o estudo, Galicia foi a que maior descenso de falecidos rexistrou en 2017, seguida por Valencia (17 mortes menos) e País Vasco (6 menos).
Por número total de falecidos, Galicia situouse como a sexta comunidade con máis mortes en sinistro viario durante o pasado ano, por detrás de Andalucía, Cataluña, Castela e León, Castela A Mancha, e Valencia.
Por provincias, o maior descenso en Galicia no pasado ano respecto de 2016 rexistrouse en Lugo, con 11 falecidos menos, despois en Pontevedra (7 menos), na Coruña (6 menos) e finalmente en Ourense (5 menos).
CIFRAS NACIONAIS
No conxunto de España, en 2017 rexistráronse un total de 1.067 accidentes mortais en vías interurbanas con 1.200 falecidos e 4.837 feridos hospitalizados, co que houbo un incremento do 3% en falecidos (39) e unha diminución do 6% en feridos graves (336). Do total de falecidos, 175 non usaban cinto de seguridade (26 persoas máis que o ano anterior).
Estes datos enmárcanse nun aumento no número de desprazamentos de longo percorrido en 2017, que creceron en 16,4 millóns, ata chegar a 408,5 millóns. Os factores fundamentais que inflúen nos accidentes son a velocidade inadecuada, o consumo de alcol e drogas, non respectar a prioridade, o cansazo ou sono e a distracción.
Escribe o teu comentario