Atopan o condutor que atropelou un ciclista e se deu á fuga
É un veciño de Moaña e está investigado por delitos de lesións e omisión do deber de socorro.
A Garda Civil localizou este mércores o condutor do vehículo que o martes pola noite se deu á fuga despois de atropelar un ciclista na parroiqua pontevedresa de Salcedo.
Segundo informou o Instituto Armado, os feitos ocorreron sobre as 21,30 horas do martes na estrada N-550, á altura da gasolineira de Salcedo. Ao ciclista levouno por diante un turismo que circulaba pola estrada de Vigo no mesmo sentido e que, despois do accidente, se deu á fuga.
Por mor das investigacións realizadas polo Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, e en base á información achegada por un usuario, durante a mañá deste mércores tívose coñecemento que o turismo en cuestión se atopaba estacionado nunha céntrica rúa da localidade de Marín, "con golpes e marcas na chapa", explica o Instituto Armado.
A inspección ocular do vehículo realizada polo Grupo de Investigación e Apoio a Tráfico (GIAT) do Subsector de tráfico de Pontevedra conclúe que, supostamente, "se trata do mesmo vehículo que causara o accidente", engade a Benemérita.
Durante a mañá deste mércores foi localizada a persoa que o conducía, que se trata do seu propietario, F.P.S., de 50 anos e veciño do municipio de Moaña, ao que se lle investiga penalmente por un delito de lesións e outro de omisión do deber de socorro.
CICLISTA INGRESADO
Mentres, concretou o Instituto Armado, o ciclista atropelado neste accidente "permanece ingresado" nun centro médico de Pontevedra.
Segundo informou o colectivo ciclista Pedaladas, o ferido é bombeiro de profesión e acudía ao seu traballo en bicicleta. Asegura que se atopa "grave, pero estable con 10 costelas e escápula rotas".
Escribe o teu comentario