Decembro salvou á capital dun ano histórico por falta de chuvia
As medicións climáticas revelan que en 2017 se bateu o récord de horas de sol dos últimos 25 anos.
As chuvias do pasado mes de decembro, e especialmente os 100,5 litros por metro cadrado do día 10, permitiron que 2017 non fose un ano histórico de seca en Santiago, segundo informa o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, centro colaborador da Axencia Estatal de Meteoroloxía.
Mesmo así, destacan a seca do mes de abril e a que tivo lugar desde xuño ata outubro, ambos os incluídos. No seu resumo do pasado ano na cidade, o observatorio que dirixe José Ángel Docobo cifra en 1.337,1 os litros por metro cadrado recollidos na súa estación en 2017, un dato superior ao dos anos 2007, 1990, 2011 e 2015 en Compostela.
Iso si, os datos tampouco falan dun ano chuvioso: o número de días sen precipitación en 2017 excedeu a metade (53,4%), e se non se conta aqueles con chuvia inapreciable (menos de 0,1 litros por metro cadrado) a porcentaxe elevaríase ao 60%.
En canto ás temperaturas, a máxima do ano na cidade foron os 36,5 graos do 21 de agosto, seguida de dous días de xuño. En total, pasouse dos 30 graos en 15 xornadas, destacando os días 8 e 10 de outubro.
Pola contra, a temperatura mínima foi de -1º8 e tivo lugar o 25 de xaneiro, un mes no que houbo outros sete días con mínimas negativas. A máxima máis baixa tivo lugar o 22 de marzo con só 7,1 graos, mentres que a noite máis cálida correspondeulle ao 20 de xuño cando os termómetros non baixaron dos 19,6 graos.
Ademais, en 2017 bateuse o récord de insolación dos últimos 25 anos, con máis de 2.350 horas de sol, o que representa un 53,6% das posibles en Compostela. Así, fronte ás 32 xornadas sen sol, fai falta destacar os 117 días con máis de 9 horas e os 99 con insolación entre 6 e 9.
Escribe o teu comentario