Galicia cambiará as alertas por seca para adaptalas ao cambio climático
A partir de 2019 contemplarán dúas situacións: ausencia de chuvia prolongada ou escaseza de auga para a subministración.
A Consellería de Medio Ambiente iniciará en 2018 a revisión do plan da seca, que prevé modificar as fases actuais de alerta (prealerta, alerta e emerxencia) por dous escenarios técnicos de seca: prolongada e escaseza.
Segundo informa a Xunta, ten como obxectivo que esta actualización estea lista en 2019, con base nos novos criterios presentados este xoves no Consello Nacional da auga, celebrado en Madrid --onde participou o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez--.
O Goberno galego sinala que "é imprescindible" diferenciar entre unha seca prolongada, cando se produce un período temporal amplo de carencia de precipitacións, e de escaseza, cando non existen recursos hídricos suficientes para atender as demandas existentes.
Este cambio farase no momento no que se complete a revisión do plan de seca da Demarcación Galicia-Costa (aprobado en 2013), que será actualizado para ser aprobado en 2019.
Roberto Rodríguez explicou que Galicia debe traballar nesa coordinación porque a súa conca está "practicamente repartida" pola metade entre dúas grandes demarcacións, unha que depende de Galicia e outra que depende do Estado (Miño-Sil). Así, sinalou que é "lóxico" que á hora de afrontar un evento como poden ser as consecuencias que pode levar a seca, os criterios "deban ser comúns".
NOVOS CRITERIOS
Estes criterios traerán como consecuencia unha nova terminoloxía en termos de seca e poderase falar de situacións de 'seca prolongada' e de 'escaseza'. Así, a comunidade autónoma que, na actualidade, vive unha situación de alerta, pasaría a denominarse como unha situación de "seca prolongada".
O titular de Augas de Galicia, en relación á explicación desta terminoloxía, aclarou que a Comunidade ten un déficit recursos hídricos, pero que non se atopa ante unha situación de escaseza. "Non hai un risco inminente de falta de dispoñibilidade dos recursos", apuntou.
Escribe o teu comentario