Hugo Mallo apela á experiencia para vivir os derbis máis tranquilos
"Tanto Iago Aspas coma min cometemos erros e corrixímolos", reflexiona o capitán celeste.
O derbi é especial para os xogadores que senten a paixón "desde pequenos". É o caso de Hugo Mallo, que este xoves atendeu aos medios.
O capitán celeste cre que no seu caso e no de Iago Aspas a experiencia xoga ao seu favor para afrontar estes encontros de máxima rivalidade. "Tanto el coma min cometemos erros e corrixímolos. Viuse a persoas totalmente diferentes dentro do campo", reflexionou.
Unha evolución que tamén observa nas afeccións. "Hoxe en día a xente, tanto dentro coma fóra, está moito máis tranquila. Tamén a viaxe é moito máis tranquila. Antes podía haber pedras e agora é moi raro que pase algo", explicou.
Así, sobre as pancartas que os Riazor Blues colgan esta semana, Hugo Mallo quítalles impotancia. "O ano pasado houbo tres derbis, perdéronos e desta maneira buscarán incentivar o seu equipo", expresa o xogador, para picar ao rival.
Sobre o céspede, o lateral espera que o Celta saia a mandar no xogo, aínda que descarta facer prognósticos porque "son partidos pechados, bruscos, rochosos e é difícil prognosticar un resultado".
Aínda así, despois de marcar en Balaídos o ano pasado, gustaríalle "poder repetir este sábado en Riazor".
Escribe o teu comentario