Unha pequena adega galega gáñalle a batalla a Codorníu
A Xustiza permítelle sacar ao mercado un albariño baixo o nome de 'Anadigna', ao entender que non se confunde co cava 'Anna' dos cataláns.
As grandes compañías adoitan temer que as súas marcas consolidadas no mercado saian prexudicadas por novos produtos con nomes parecidos. Ás veces esta desconfianza dá lugar a un exceso de celo.
É o caso da batalla xudicial que acaba de gañar unha pequena adega de Meaño (na comarca do Salnés) a Codorníu. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia permítelle ao seu propietario, Carlos Rey, comercializar o albariño bautizado como 'Anadigna' (en recordo á súa avoa María Anadigna), ao entender que non se vai confundir co cava 'Anna' do xigante catalán.
"O parecido fonético entre elas non é da entidade suficiente para que poida producir confusión no mercado", reza a sentenza ditada tras o recurso de Codorníu. E iso, unido á "pouca extensión e mínima produción" do viño. Tamén o entendeu do mesmo xeito nun primeiro momento a oficina de patentes e marcas para dar luz verde á súa solicitude.
Con tres mil botellas do seu albariño xa etiquetadas, este adegueiro declara a La Voz de Galicia que perdeu "un ano completo" e levoulle oito meses crear outra marca, que acabou sendo 'Nadigna'.
Porén, o periplo xudicial do novo viño non acabou, pois Codorníu pode aínda recorrer o fallo ante o Tribunal Supremo. "Gañeille e voulle volver gañar. Cando che dan a razón sénteste máis forte", proclama Carlos Rey.
O adegueiro confía, por tanto, en que o alto tribunal lle volva dar a razón "porque o 'Anna' de Codorníu non o confunde ninguén".
Escribe o teu comentario