O futuro do Centro Galego de Buenos Aires pasa polos seus socios
A centenaria institución vive un profundo momento de crise e pode mesmo declararse en quebra.
O histórico Centro Galego de Buenos Aires ve perigar o seu presente e o seu futuro. O centro ten que someter este luns mediante a votación dos seus socios a decisión en asemblea extraordinaria de se toman en consideración a oferta realizada pola Fundación Favaloro e o Grupo Ribeira de Saúde para comprar o inmoble e o servizo médico ou se, pola contra, toman outras medidas, entre as que se menciona expresamente a solicitude de quebra do centro.
A histórica institución da emigración galega, que celebra o seu 110º aniversario este ano, pasa por momentos de dificultade tras máis dunha década de crise económica e administrativa. A pesar dos esforzos no último ano e medio por "equilibrar o desastre deixado polas sucesivas administracións anteriores", explicaron os xestores, "as nefastas e sucesivas administracións" e "a falta de lexitimidade de quen ocupou cargos dentro desta institución" deixaron ao Centro Galego "ao bordo do seu peche, da súa desintegración, do seu fin".
Para os actuais xestores, que o Centro Galego de Buenos Aires "siga en pé" pasa por aproveitar a "gran oportunidade" de compra da Fundación Favaloro e do Grupo Rivera Saúde, "dúas prestixiosas e moi poderosas institucións que brindan saúde de calidade, con prestacións médicas de excelencia".
Segundo recolle unha comunicación enviada aos socios para informarlles desta situación, estas entidades achegaron "a proposta para facerse cargo do Centro Galego, brindándolles aos socios os mesmos plans ao mesmo custo, cunha atención moi superior á actual". Esta proposta require a adquisición do histórico inmoble do Centro na Avenida Belgrano, "porque a súa antigüidade e nivel de deterioración esixe un investimento varias veces millonaria e maior ao valor inmobiliario desta sede".
O pasado 11 de decembro, os socios participaron nunha consulta non vinculante para posicionarse sobre esta opción para o Centro, cuxo hospital está intervido polo Goberno arxentino desde fai cinco anos a través do Instituto Nacional de Asociativismo e Economía Social (Inaes), para paliar a súa situación "crítica".
Como segundo paso, está convocada para este luns, a partir das 18:00 horas (hora arxentina), unha asemblea extraordinaria na que, á marxe de aprobarse as contas, someterase a consideración a solicitude de quebra da entidade. No caso de que non se aprobe a cesión da xestión, a orde do día recolle tamén resolver as medidas para adoptar "sobre a continuidade ou non da institución", entre as que se expón "peticionar a propia quebra" do Centro Galego de Buenos Aires.
Escribe o teu comentario