​O sector do monte reclámalle á Xunta que non aprobe con présas o plan forestal

"Chegados a este punto onde temos un primeiro documento, agora non hai présa, o que ten que saír é un bo documento e con moito consenso".


|

Madeira monte


A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, espera que no primeiro trimestre deste ano se teña "todo pechado" e "xa estea enriquecido" o texto do novo plan forestal, mentres o sector lle pide "tempo" para acordar un documento que será referente para as próximas décadas.


En declaracións previas ao Consello Forestal celebrado este luns en Santiago, a conselleira explicou que se presenta "un primeiro texto" que agarda "sexa enriquecido coas achegas de todo o sector", pois é "desexo de todos chegar ao maior consenso posible". Tamén estará aberto ás achegas da sociedade e será dado a coñecer aos grupos políticos.


Neste sentido, Ángeles Vázquez avoga por "escoitar" e "dar tempos para que se fagan as achegas pertinentes" e "sexa un plan asumido pola maioría da sociedade", que modificará o plan aprobado en 1992.


"Temos que ser capaces de axuntar entre todos e tamén coa administración, que ten que ir da man de toda a cadea de valor", asevera. A este respecto, apunta que se aborda o futuro plan forestal tras unhas directrices que "foron por consenso". "Vén ser unha fotografía do monte que queremos todos de aquí a 20 anos", di.


"TEMPO"


"Basicamente, hoxe nós vimos pedir tempo", indicou aos medios este luns o secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga) e membro de Unións Agrarias, Jacobo Feijóo.


"Queremos ter tempo, non só para negociar dentro do sector, senón para buscar o máximo consenso e os máximos apoios fóra do sector", indica, "tanto con forzas políticas como con axentes sociais".


"Chegados a este punto onde temos un primeiro documento, agora non hai présa, o que ten que saír é un bo documento e con moito consenso para o que se decida nel realmente se execute os próximos 30 anos", proseguiu nas súas declaracións. "E non pase o que pasou co anterior plan forestal, que había unha serie de obxectivos que ao final non se alcanzaron por culpa desa falta de consenso precisamente", apostilou.


Respecto da proposta inicial, considéraa "boa para empezar a discutir", porque "está tecnicamente ben", pero "hai moitas cousas e moitos detalles" para analizar.


Sobre este extremo, refírese ao "gran reto" de "como case duplicar a produción forestal sen aumentar a superficie de plantación", sendo "moito máis intensivos sostiblemente para xerar moita máis madeira e riqueza sen necesidade de aumentar a superficie forestal". Tamén se preguntou "como combater o abandono" e "que vai pasar coas frondosas caducifolias", que "ocupan unha gran porcentaxe do territorio, pero xeran moi pouco valor engadido".


"INCAUTACIÓN" DE MONTES VECIÑAIS


Pola súa banda, o presidente da Asociación Galega de Comunidades de Montes e membro da Alianza Rural Galega --que conforman Adega, CIG e Fruga--, Xosé Alfredo Pereira, critica que é un plan "totalmente negativo", porque defende "a incautación" de terras do monte veciñal "para entregarllas a terceiros, que son empresas forestais".


De tal forma, recrimina que "o obxectivo claro é que os montes veciñais desaparezan como tal e pasen a ser xestionados pola empresa privada".


Tamén se queixou que é un plan que "pode ser legal, pero non é democrático", pois "non está todo o sector representado do que é o monte do medio rural", onde bota en falta a algúns sindicatos e usuarios do monte.


A Alianza Rural Galega tamén lamenta que na elaboración deste plan "se furte o debate parlamentario" ao partir do Executivo galego, polo que "non recollerá o sentir do pobo galego representado no Parlamento, senón que soamente recollerá o sentir dunha parte do pobo galego representada polo Goberno da Xunta".


relacionada O sector forestal e da madeira aposta pola "industrialización" do monte contra o abandono
relacionada O goberno galego fomenta a venda da madeira dos montes queimados

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE