O Dépor recibe unha goleada en Barcelona e xa pensa no derbi
Cun Barça superior, o Dépor consumiu un partido no que apenas puido competir de ti a ti.
Rubén detívolle un penalti a Messi. Foto: RC Deportivo
O Dépor afrontaba unha das saídas máis complicadas da tempada, visitando ao líder da competición no Camp Nou e para iso Cristóbal Parralo apostou pola continuidade con respecto ao anterior partido, repetindo o 11 que se impuxera ao Leganés.
Cun Barça netamente superior, o Dépor consumiu un partido no que apenas puido competir de ti a ti, encaixando un 4-0 e tocando pensar xa no derbi do próximo sábado.
O primeiro cuarto de hora xa adiantou o que sería o resto do encontro, con chegadas perigosas do Barça á área do Dépor. E ao fío da media hora, a pesar das paradas de Rubén, chegou o primeiro gol blaugrana.
E tras dous paus de Messi, chegou o 2-0 no marcador a 5 minutos do descanso, ao que se chegou despois de que Rubén sacase sobre a liña un remate de rabona de Luis Suárez.
A continuación non puido ser máis negativa para os coruñeses, cun centro de Sergi Roberto rematado por Luis Suárez ao fondo da portería cando non se completaran dous minutos do segundo.
Un zapatazo de Carles Gil ao lateral da escadra no 55 foi a primeira gran aproximación do Dépor tras o descanso, das poucas no segundo tempo.
Corenta e cinco minutos nos que deu a sensación de que o ritmo do partido baixou pero as ocasións seguiron chegando para os locais, coma o tiro no 66 ao pau de falta directa de Messi ou o balón que Rubén birlou dos pés de Luis Suárez cando o encarou, xusto un minuto antes do penalti de Fede Valverde sobre o uruguaio que parou o de Coristanco.
Nada puido facer no cuarto do Barça cun remate de Jordi Alba ao pau que quedou aos pés de Paulinho para empuxar ao fondo da portería.
O CHIP, NO DERBI
Tanto os xogadores como o técnico, ao rematar o partido, quixeron poñer as esperanzas deportivistas no derbi.
Carles Gil opinou que o do Celta "é o partido perfecto para gañar e irse contento de vacacións. A partir do martes para preparalo o mellor posible para conseguir os tres puntos".
Finalmente Rubén, outro dos protagonistas do encontro polas súas paradas e polo penalti parado a Messi, cualificou o derbi como "super importante porque están moi preto de nós en puntos, pola xente, pola afección, darlles unha alegría".
Cristóbal Parralo manifestou na sala de prensa do Camp Nou que "a derrota foi ampla e podía ser máis". Apunta sobre o partido do Dépor que "tivemos moitas perdas que supuxeron transicións deles, que nos pillaron saíndo. Cometemos moitos erros, saques de banda que demos ao contrario... Asumo a responsabilidade, non estivemos ben".
Concluíu Cristóbal a súa comparecencia ante os medios de comunicación subliñando que "o que temos que facer agora é levantarnos, seguir traballando e preparar da mellor maneira o seguinte partido".
Escribe o teu comentario