​O concello dos Blancos, incapaz de pagar as débedas, pide un rescate e será intervido

A Deputación de Ourense faise cargo dos servizos de iluminación, abastecemento, saneamento e do IBI. O PSOE alerta de que "subirá" o seu custo.


|

Alcalde brancos delegado xuntaO alcalde, co delegado da Xunta, nas obras dun paseo. Foto: Xunta.gal

O Concello dos Blancos (Ourense) activou os trámites para traspasar á Deputación os servizos de abastecemento, saneamento e o Imposto de Bens Inmobles (IBI) para acceder a un crédito do Instituto de Crédito Oficial (ICO) que lle permitirá emendar a débeda de 1,7 millóns de euros que mantén coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria.


Así o confirmou este mércores o alcalde, José Manuel Castro (PP), quen concretou que a medida é "unha dispensa de servizos permitida" pola lei e que rexeitou que esta cesión de competencias supoña unha intervención tal e como denuncia a oposición "porque vai quedar o equipo de goberno sacando proxectos adiante".


Na actualidade o Concello dos Blancos --de 850 habitantes, segundo os datos do padrón de 2016-- ten unha débeda de 3,2 millóns de euros. Á Seguridade Social correspóndenlle 1.599.903,43 euros e á Axencia Estatal Tributaria 42.456,04 euros. O resto son débitos a provedores (un millón de euros) e á entidade crediticia Abanca (uns 50.000 euros).


Castro explicou que para acceder ao rescate financeiro de 1,7 millóns de euros foi preciso presentar un "plan de axuste" que pasa por transvasar competencias ao ente provincial por un período inicial de dous anos, prorrogables. "Calculamos que serán necesarios entre oito e dez anos para pagar a débeda", abundou, ademais de subliñar que o plan recibiu o visto e prace das administracións provincial.


Deste xeito, a Deputación farase cargo dos servizos de iluminación, abastecemento, saneamento e estradas, pero tamén procederá ao cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI).


O plan tamén contempla a desaparición de seis postos de traballo, entre os que se atopan o de secretario e o de interventor, cuxas funcións pasarán a ser exercidas por persoal do ente provincial.


"QUEDAR SEN CONCELLO"


Para a portavoz do PSOE dos Blancos, Emilia López, esta decisión supón "quedar sen Concello" porque o ente local "converterase nunha sucursal" da Deputación "para recadar diñeiro e porque haberá que ir ata Ourense para todos os servizos".


Con motivo dunha rolda de prensa na sede provincial do PSOE, na que estivo apoiada polo portavoz socialista na Deputación Francisco Fraga, López alertou de que "esta intervención" supoñerá un encarecemento nos servizos que reciben os veciños dos Blancos.


Así, anunciou que o IBI "vai subir ao máximo permitido en España", pasando dun gravame do 0,7 por cento a unha taxa do 1,1 por cento e que os custos de abastecemento se van triplicar "duns 30 euros anuais a preto de cen euros".


"Ao final quen vai a pagar a mala xestión do Concello van ser os veciños, que terán que afrontar máis impostos e un aumento dos custos nos servizos municipais", abundou.


Para Fraga Civeira a situación que se vivirá nos Blancos "é un exemplo de onde levan as políticas clientelares, caciquís e paternalistas" da Deputación "na repartición de axudas aos concellos".


PRIMEIRO TRIMESTRE DE 2018


Castro estima que a cesión de servizos dos Blancos á Deputación se fará efectiva no primeiro trimestre de 2018. Antes terá que afrontar unha serie de trámites administrativos.


Así, este mércores a comisión de Cooperación da Deputación debaterá a proposta, que será presentada, votada e presumiblemente aprobada (cos votos maioritarios do PP) no pleno do mes de decembro.


A continuación, o ente provincial, que dirixe o tamén popular Manuel Baltar, presentará o proxecto á Xunta de Galicia que deberá dar o visto e prace definitivo ao plan.


"Algúns datos xa os coñecemos porque mantivemos reunións durante estes anos pasados co propio Concello dos Blancos e coa Deputación de Ourense", esgrimiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen apuntou que a débeda, principalmente coa Administración Xeral do Estado, "supera con moito o orzamento de cada ano".


Por iso, remarcou que, se non se impulsa algún tipo de intervención para paliar esta situación, "a viabilidade do concello sería imposible".


relacionada A Deputación de Ourense xustifica como "un erro" as facturas a afectados polos incendios
relacionada A oposición acusa a Baltar de herdar "a Deputación e as prácticas ilegais de seu pai"
relacionada Baltar asegura que non lle pesa o seu apelido nin que se asocie co caciquismo

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE