Arquivan o caso Hormigón ao non ver probada a prevaricación
A xuíza apunta que houbo obras en Vigo que non respectaron o procedemento administrativo pero non aprecia delito.
Santos Héctor era un dos concelleiros investigados.
A xuíza de instrución número 1 de Vigo ditou auto decretando o sobresemento provisional e arquivo da causa contra varios concelleiros e funcionarios do concello olívico no coñecido como caso Hormigón, ao non ver acreditada a comisión do delito de prevaricación.
Segundo o auto, non concorren os requisitos precisos para determinar que as persoas investigadas (os concelleiros Isaura Abelairas e Santos Héctor Rodríguez, e os funcionarios Francisco Javier G.O., Álvaro C.C., e Jorge M.R.) cometeron ese delito na adxudicación de obras públicas.
A maxistrada apunta na súa resolución, con respecto a Santos Héctor Rodríguez e a Francisco Javier G.O., que os cambios na obra de acondicionamento da contorna de Garavilla, non constitúen unha infracción penal. Así, aínda que se fixeron obras que non se correspondían co proxecto inicial e que se apartan da legalidade administrativa, non se pode falar dunha imposición arbitraria do capricho dunha autoridade ou un funcionario.
Na mesma liña, as actuacións que se vinculan a Isaura Abelairas, Álvaro C.C. e Jorge M.R., afirma que tampouco son constitutivas do delito de prevaricación. Respecto diso, o auto incide en que, aínda que esas obras "non respectaron o correspondente procedemento administrativo", son actuacións "a maiores" das proxectadas, "froito de necesidades imprevistas".
Por todo iso, a titular do xulgado de instrución número 1 de Vigo concluíu que a actuación dos investigados non contén elementos obxectivos suficientes para constituírse en delito de prevaricación.
INVESTIGACIÓN
Esta investigación xudicial iniciouse por mor dunha denuncia presentada pola Fiscalía en 2014. Ao longo do procedemento chegaron a estar investigados seis concelleiros e ex concelleiros vigueses (de PSOE, PP e BNG), dous empresarios e case unha decena de técnicos.
Ao longo da instrución fóronse arquivando as actuacións con respecto á maioría de investigados e, finalmente, só quedaron procesados os concelleiros Santos Héctor Rodríguez e Isaura Abelairas, e tres funcionarios. Agora, a xuíza decretou o sobresemento e arquivo con respecto a todos eles e á causa.
Escribe o teu comentario