O illamento de pacientes contaxiosos no CHUS ignora as recomendacións internacionais
Os medios de illamento empregados en Urxencias limítanse a cortinas de plástico para rodear a cama.
Cortina co cartel de "illamento respiratorio". Foto: Pacientes CHUS
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS volve denunciar outra situación de falta de recursos que afecta á asistencia sanitaria dos pacientes. Nesta ocasión, a reclamación é sobre as carencias no illamento en Urxencias de pacientes con risco de transmitir infeccións.
E é que a asociación foi testemuña, tal e como denuncia nun comunicado, de que os medios de illamento se limitan a rodear a cama con cortinas de plástico e a colocar unha advertencia ("irónica", segundo a asociación") de "illamento respiratorio".
No seu escrito informan de que as medidas recomendadas internacionalmente nos servizos de urxencias establecen que o paciente debe permanecer "nun cuarto individual, ben ventilado" cara ao exterior. Ademais, subliñan a necesidade dunha "porta pechada" e "lavabo dentro do cuarto", así como máscaras cirúrxicas "para evitar a diseminación de xermes" e panos para que o paciente cubra a boca ao tusir.
Pois ben, a asociación destaca que ningunha destas recomendacións se cumpre, e os pacientes vense "obrigados a padecer condicións inaceptables en nome dunha prevención inexistente que ten na cortina a única medida de protección".
Advirten, deste xeito, do risco de contaxio a outros pacientes e profesionais. E aseguran ter constancia de que "este mesmo nivel de protección emprégase na unidade de medicina interna".
Escribe o teu comentario