Os hostaleiros prevén boas cifras de ocupación na ponte e o inicio de 2018
Tras un ano récord en cifras, o sector ve "moitísima" marxe de crecemento, sobre todo no ámbito internacional.
O sector hostaleiro galego prevé superar durante a ponte de decembro o 70% de ocupación, unha cifra que se situaría entre o 5 e o 10% por encima da do ano pasado e que, seguindo a evolución, marca un inicio de 2018 con "boas perspectivas".
Así o dixo, en declaracións a Europa Press, o secretario do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que indicou que a tendencia deste ano foi "moi boa" e marcou un aumento medio do 3% en cifras en relación ao ano anterior.
Con este panorama, o sector considera que a ponte de decembro será "moi boa", cunha ocupación de entre o 70 e o 75% nos hoteis e do 30% en turismo rural, en todos os casos por encima do rexistrado o ano pasado.
As datas, admitiu Pardal, coinciden "moi ben" para realizar unha escapada, algo que se suma á climatoloxía, que está a axudar nos desprazamentos. Finalmente, indicou, o "sector turístico púxose as pilas, sacou ofertas para esta ponte" e logrará mellores cifras que en exercicios anteriores, aínda que "aumentando a rendibilidade", xa que os prezos se recuperaron ao longo deste ano.
PERSPECTIVAS PARA 2018
Os datos dos últimos dous exercicios indican que 2018 debería albergar boas perspectivas para o sector galego. Por iso, o Plan Estratéxico desenvolvido polo Clúster estima que o sector crecerá un 3% con respecto a este ano.
Entre os retos, Cesáreo Pardal xa considerou "prioritaria" a "comercialización dos recursos" galegos. "Unha vez que teñamos eses produtos comercializados, haberá que promocionalos, pero o primordial é comercializar os recursos dunha maneira sustentable", indicou.
Coa vista posta no turismo internacional, o sector aposta polas feiras e campañas. Aínda cos resultados, ve "moitísima" marxe de crecemento, sobre todo no turista internacional no ámbito do Camiño de Santiago, un aspecto moi relevante fóra das fronteiras españolas, xa que os peregrinos de hoxe son "os precursores do turismo do mañá", finalizou Pardal.
Escribe o teu comentario