Cancelacións de reservas en hoteis de Vigo polo barullo nas Cíes
Á Xunta acumúlanselle os reproches por non actuar durante anos e provocar o "descontrol" desde esta fin de semana.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este mércores que a actuación "neglixente" da Xunta na crise da sobrevenda de billetes a Cíes empezou a provocar xa "cancelacións" en reservas do sector hostaleiro da cidade.
Caballero volveu arremeter contra o goberno galego por tomar a decisión de impedir o desembarco en Cíes de decenas de visitantes o pasado domingo. Así, criticou que, tras anos "mirando para outro lado" ante a sobrevenda de billetes por parte das navieiras, a súa única actuación fose enviar "notificacións" ás empresas e impedir o desembarco dunha pasaxe, entre a que había socorristas.
"Tendo todas as competencias, non tomou ningunha medida (para evitar a sobrevenda)", insistiu, á vez que repetiu que el é "o primeiro" en esixir que se cumpra a cota de visitantes para preservar o Parque Nacional.
"SEGUIMOS VIXIANDO"
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, defende que a Xunta "sempre estivo a vixiar" a sobrevenda de billetes ás illas Cíes. "E seguimos vixiando", sentenciou.
"Queremos que se cumpra igual que fixemos na praia das Catedrais", explica a responsable de Turismo. De feito, sinala que a cota posta no areal de Ribadeo "favorece a desestacionalización" do turismo. "E gustaríanos que tamén pasase aquí nas Illas Atlánticas", subliña.
"DEIXAMENTO" DA XUNTA
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou este mércores o seu desexo de que a Fiscalía de Medio Ambiente actúe "de oficio" para investigar se houbo "responsabilidade penal" por parte da Xunta no seu "deixamento" na xestión do Parque Nacional Illas Atlánticas, tras anos de "mirar para outro lado" mentres "se violou" a normativa de protección deste espazo natural.
"A Xunta permitiu que esta burbulla se fixese cada vez máis grande, e o primeiro que nos debe preocupar é que Cíes é un Parque Nacional, non un Benidorm", apostilou a líder nacionalista.
Segundo engadiu, o ocorrido co transporte a Cíes o pasado domingo "lembra ás operacións espectáculo" que serven para "crear alarma" e acaban causando dano, neste caso, a Cíes, a Vigo, á imaxe de Galicia, e ao sector turístico.
"SOBREEXPLOTACIÓN"
O viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, esixiu "medidas urxentes" para evitar o "descontrol" e a "sobrexplotación" nas Illas Cíes e instou á Xunta de Galicia a "actuar con dilixencia" para garantir a correcta conservación deste espazo natural.
"O que queremos é que se compatibilicen as visitas da xente coa conservación do espazo natural", manifestou o viceportavoz parlamentario de En Marea, que pediu á Xunta que "actúe" con "dilixencia" para "evitar as molestas da xente".
Escribe o teu comentario