A folga na Xustiza suspende xuízos por toda Galicia
Os funcionarios galegos esixen á Xunta a equiparación salarial cos seus colegas doutras comunidades.
Protesta dos funcionarios de Xustiza.
Os sindicatos convocantes da xornada de folga na administración de xustiza de Galicia deste venres cifran o seguimento medio na Comunidade galega nun 80%, mentres que a Xunta reduce o apoio ao 50,33%.
A Vicepresidencia da Xunta sinalou nun comunicado de prensa que por provincias o seguimento da folga na Coruña foi do 46,86%; en Lugo, do 30,28%; en Ourense, do 54,38%; e en Pontevedra, do 59,63%. En todos os casos, "o cumprimento dos servizos mínimos decretados foi do 100%", confirmou o departamento autonómico con competencias en Xustiza.
Ademais, a Xunta incidiu en que "non hai constancia de incidencias de relevancia" e ratificou que "os servizos mínimos están a cumprirse na súa totalidade".
Pola súa banda, fontes sindicais sinalaron que a convocatoria realizada por SPJ USO, UGT, CIG, CSIF, CC.OO., STAJ e CUT en Galicia rexistrou un seguimento medio superior ao 80%. Por cidades, indicaron que Vigo tivo un 95% de apoio; A Coruña, un 90%; Pontevedra, un 90%; Santiago, un 80%; Ferrol, un 75%; Ourense, un 90%; e Lugo, un 65%.
Dentro da provincia de Pontevedra, fontes sindicais resaltaron que o seguimento foi en Cangas do 100%, en Lalín do 85%, na Estrada do 100%, en Vilagarcía do 90%, en Marín do 100%, no Porriño do 100%, en Caldas do 95%, en Tui do 90%, en Cambados do 98% e en Redondela do 90%.
En canto ás mobilizacións convocadas este venres, na Coruña un cento de funcionarios da Administración de Xustiza marcharon polas rúas da cidade herculina para protestar contra o que consideran a súa "discriminación laboral" en distintos aspectos salariais e sociais con respecto a funcionarios doutras comunidades autónomas.
Os sindicatos, que destacaron a suspensión de case todos os xuízos previstos para este venres, reclaman á Xunta medidas para acabar co que eles consideran "discriminación" fronte aos funcionarios de Xustiza doutros puntos do Estado, a pesar de que realizan o mesmo traballo.
VIGO E OUTRAS CIDADES
En Vigo, varios centenares de traballadores concentráronse á entrada dos xulgados antes de iniciar unha manifestación que pasou por Praza de América, entre outros puntos, ata regresar á sede xudicial.
Os traballadores cantaron consignas como "mesmo traballo, igual salario", "xustiza de calidade, non desigualdade" e "corpo estatal, igualdade salarial", para denunciar que "a Xunta fai oídos xordos ás reivindicacións dos traballadores e a cidadanía".
Así o trasladou o delegado sindical de SPJ USO Julio Bouza, que indicou que o seguimento foi dun 95% e o 70% dos órganos xudiciais están pechados e só funcionan os servizos mínimos.
Mentres, en Santiago concentrouse sobre un centenar de traballadores ás portas dos xulgados de Fontiñas, onde cinco xulgados permaneceron pechados este venres, así como o servizo de atención ao cidadán, mentres que noutras unidades unicamente traballou o persoal de servizos mínimos.
En Ourense, segundo o portavoz do sindicato CSIF, José Antonio Sotelo, tras o reconto mesa a mesa no novo edificio xudicial, apuntou que de 170 traballadores traballaron 23. Ademais, comentou que só funcionarion baixo mínimos o Xulgado do Penal número 2 --onde se celebra o xuízo sobre asistencias técnicas-- e algún outro con preso no Penal 1.
En Ferrol, pola súa banda, concentráronse algo máis de medio centenar de traballadores e cifraron o seguimento na zona no 75 por cento.
RESPECTO E DIGNIDADE
O representante dos sindicatos da xustiza en Santiago, Manuel Díaz, insistiu en que convocaron senllas xornadas de folga o 1 e 13 de decembro para reivindicar "respecto e dignidade" para os traballadores da xustiza en Galicia.
Neste sentido, denunciou que "a Xunta leva moito tempo faltando ao respecto aos traballadores e non facendo caso de ningunha cousa que se lle pide". Así mesmo, os sindicatos criticaron a "conduta prepotente e arrogante" do conselleiro coas competencias de xustiza en Galicia, Alfonso Rueda, ao que reprochou que "en oito anos" non se reuniu con todas as centrais sindicais.
Segundo avanzaron fontes sindicais a Europa Press, previsiblemente na mañá do próximo 11 de decembro os sindicatos do sector da xustiza serán convocados a unha reunión na Xunta co director xeral de Xustiza.
Escribe o teu comentario