O Dépor roza o remontada pero vaise da Copa
Os catro goles encaixados na ida pesaron demasiado para os coruñeses.
O Dépor despídese da Copa.
O Dépor tiña este mércores ante si unha noite que necesitaba da épica para remontar o 1-4 de Riazor e pasar a oitavos da Copa do Rei.
Empezou ameazando o equipo local, Las Palmas, que mantivo durante boa parte da primeira metade unha situación de dominio sen demasiado perigo. Houbo que chegar ao minuto 41 para que Çolak adiantase ao Dépor, cun disparo desde a frontal tras unha deixada de Carles Gil.
Á volta do vestiario, en saque dunha falta, Lucas Pérez puxo o balón ao corazón da área onde Borja Valle rematou perfectamente de cabeza para poñer o 0-2 que daba esperanza ao Dépor.
O partido abriuse e colleu un novo ritmo desde ese momento. A Unión Deportiva Las Palmas recortou diferenzas cunha xogada persoal de Hernán Toledo.
Pese ao tanto o Dépor non se foi atrás e seguiuno buscando. O intercambio de posesión e golpes foi constante no segundo tempo. Un dos contundentes foi o zapatazo de Borja Valle desde fóra da área que supuxo o terceiro gol do Dépor, o segundo na súa conta particular, e a inxección de moral necesaria para un equipo que se sentía a un paso de igualar a eliminatoria.
Unha igualada que estivo a piques de chegar cun remate de Lucas rexeitado pola defensa antes dispoñer dunha ocasión clarísima cun remate co porteiro regateado que sacou de cabeza baixo paus David Simón.
Co Dépor envorcado buscando a prórroga, na última xogada do partido, Remy puxo o 2-3 que pechou o encontro e a participación en Copa do Dépor nesta tempada.
Escribe o teu comentario