Carlos Babío confirma o “trafico de favores” que beneficiou ao patrimonio franquista
Franco dispoñía dunha estrutura corrupta que se favorecía do roubo de fondos públicos e propiedades veciñais
Unha das conclusións ás que chega o libro ‘Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio’, no que os seus autores Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo abordan como este edificio pasou a mans da familia Franco, é que “houbo un tráfico de favores para engordar o patrimonio” do ditador: unha estrutura corrupta que se favorecía do roubo de fondos públicos e propiedades veciñais, e do que a familia Franco séguese beneficiando aínda despois da morte do tirano.
O libro, froito de unha inxente procura de arquivos e testemuños en contra da versión oficial de que o Pazo de Meirás foi un “agasallo” do pobo coruñés á familia Franco, preséntase esta tarde na Fundación ONCE coa presenza do presidente da Fundación Galiza Sempre, Francisco Jorquera, e a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.
‘Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio’ analiza ademais o sistema de subscrición popular, utilizado para “financiar as necesidades bélicas de Franco”, e o seu posterior fracaso; así como a situación durante a Transición "e a creación do señorío de Meirás". Para Babío, o polémico pazo acabou converténdose "nun espello do propio franquismo", un réxime do que se aproveitou o ditador para apropiarse de todo canto se lle antojora a través de favores e ameazas.
Escribe o teu comentario