Cando traballar no Banco Santander xa non é un seguro laboral: "A xente vaise; están a maltratar ao persoal"

17 oficinas pechas en 2025 revelan o que parece ser un ERE encuberto no Banco Santander, onde en cuestión de catro anos, e só en Galicia, o persoal reduciuse en case 200 traballadores sen a apertura dun expediente que explique esta rebaixa de persoal. Rosa Conde, representante da CIG no Banco Santander, explica que o cambio de modelo no proceso de dixitalización no sector da banca motiva o peche de sucrusales e que a carga de traballo extra para readaptar o traballo dos empregados, que provoca altos niveis de tensións e outros problemas de saúde, están a derivar nunha fuga de talento nunha banca envellecida e sen substitución xeneracional.


|

GJMXETvWIAAApTE
Foto: CIG

 

Antes traballar nun banco era sinónimo de prosperidade. A seguridade financeira que podía dar un traballo de oficina como ese era unha garantía para vivir sen especiais apuros no económico e alcanzar un certo nivel de vida tirando a alto. As cousas parecen cambiar, e nin o salario nin a estabilidade laboral non é xa un aval para os traballadores de entidades como o Banco Santander, que estes días está rodeado dunha forte polémica en Galicia, onde ao longo do último ano pecharon varias sucursais, co prexuízo que supón para o persoal e os seus clientes. 

 

 

PECHE DE 17 OFICINAS…DE MOMENTO

A Confederación Intersindical Galega (#CIG) iniciou a finais de setembro o inicio dun calendario de protestas para denunciar a decisión da entidade bancaria de botar a persiana en varias oficinas. Rosa Conde, representante da CIG no Banco Santander, valora moi positivamente a acollida que tiveron até agora as mobilizacións en Vigo, Lugo e A Coruña, pois se trata dun “malestar” presente desde hai meses no persoal sen que “saltase á esfera pública”. Agora que a frustración chegou á rúa, a outra reacción significativa foi a dos clientes, que deron o seu apoio aos traballadores. “O 95% apóianos nas mobilizacións e está de acordo coa nosa reivindicación”, percibe Conde. 

 

O proceso de peches que vén realizando o Santander nos últimos meses afecto tanto ao persoal como aos usuarios destas oficinas. No seu conxunto, de xuño de 2024 a xuño de 2025, foron 109 as sucursais pechas en toda España e desde a CIG cifran en 17 as clausuradas na comunidade galega para este 2025, o que representa un 11% do total de oficinas en Galicia. Estes son, en calquera caso, datos aínda provisionais, pois Conde non pode asegurar que non haxa que engadir máis cruces no que resta de ano: “Poida que aínda quede algún peche desde o punto de vista do banco”.

 

“O Santander di que o seu modelo é o da banca no móbil. Segundo eles non poden manter unha rede con oficinas a 100 metros de distancia. Pero isto xa non é así, porque na maioría de cidades está a reducirse o número de oficinas”, lamenta Conde, puntualizando que as oficinas máis afectadas están a ser as de atención a particulares das cidades con servizo de caixa, un servizo que “transforman ou suprimen” neste “proceso de reestruturación” que podería afectar a algunhas sucursais máis. 

 

 

Ese modelo de “caixa avanzada”, que bautizan desde o Santander, está presente xa en cerca do 60% de oficinas da rede nun “modelo híbrido que suprime o portelo tradicional” e substitúese por unha figura que resulta “un mix de atención de portelo e venda de produtos non financeiros” no mellor dos casos, mentres que noutros é o propio persoal de oficina os que asumen esa carga de traballo extra con quendas rotatorias sen que isto supoña unha rebaixa dos seus obxectivos comerciais ou dos seus labores.  

 

“O que se fai é amortizar os postos de portelo con máis carga de traballo para o resto do persoal. Isto repercute clarísimamente na saúde das persoas. Ao final nesta comunidade hai moita xente maior que non está adaptada á dixitalización e quere ser atendida en portelo. O persoal acaba facendo as funcións de mestre, ensinando aos usuarios a usar este modelo online, porque, aínda que reduzas oficinas o servizo ségueo demandando o cliente, aínda que o banco utilice estatísticas onde di que a maior parte da clientela xa está dixitalizada, cando os usuarios recorren a familiares porque non teñen as capacitacións dixitais para isto”, censura Conde. 

 

Nesa liña, os traballadores sinalan que consultar o saldo ou abrir un correo “non é dixitalización”, senón que esta debe ser “saber relacionar sen necesidade co banco en todas as transaccións da banca online: contratar prestamos, facer transferencias, abrir contas…”, un extremo que queda hoxe moi lonxe para a maioría. 

 

UN ERE ENCUBERTO?

A pesar diso, a destrución de sucursais non se detivo no último lustro. Despois do último ERE, a 31 de decembro de 2021 en Galicia había 157 oficinas e 1.367 traballadores, segundo os datos da CIG. En xuño de 2025 a cantidade de oficinas rebaixouse en 19, até as 138, e o persoal descendera en case 200 traballadores, até os 1.175 empregados. Isto sen que se anunciou ningún novo Expediente de Regulación de Emprego. 

 

 

“Vemos como de forma progresiva tanto o número de oficinas como de traballadores vén reducindo significativamente. Falamos dun 14% menos de persoal e un 12% da rede comercial”, estima Conde. Isto podería tratar dun ERE encuberto por parte dun Santander que está a acudir ao recurso das prexubilacións, algo que desde a CIG xa denunciaron de maneira insistente nos últimos anos. 

 

Eses “pactos individuais de saída ou saídas voluntarias” non deixan de ser acordos de prexubilación que, anualmente, afectan a uns 400 empregados de entre 55 e 58 anos. Os datos que manexan no sindicato apuntan a que este 2025 provocará unha subida sensible da media pola cantidade de expedientes abertos neste sentido, pois, subliña Conde, hai moitos traballadores “desexando optar a esta saída” que tampouco ofrece unhas condicións idílicas, pois as prexubilacións lles permiten ir cun 75% do salario que lles correspondería. 

 

“Vanse porque neste modelo hai unha maior carga de traballo, con obxectivos comerciais exponenciais, sen fin, unha situación que está a crear problemas de saúde mental no conxunto do persoal. Están a maltratar ao persoal e provocando unha fuga de persoas, de talento, en todo o Estado. En Ourense marcháronse no último mes catro traballadores cunha idade de 40 e poucos anos e unha traxectoria de 20, 15 ou 18 anos na empresa. Decidiron ir e buscar outro traballo, porque aquí non senten valorados e consideran que as condicións non son aceptables”. 

 

Tamén os despedimentos disciplinarios foron habituais dun tempo para acó: “O banco está a fiscalizar até o extremo o traballo das persoas, que moitas veces non é que fagan cousas mal de face á clientela, senón que son cuestións internas que poderían quedar nunha sanción, pero o banco chega ao límite, ao despedimento disciplinario”. Estes feitos foron denunciados por outras centrais sindicais que coinciden nesta análise que ofrece Conde. 

 

“NON ES UNHA CUESTIÓN SALARIAL”

Todo isto ocorre nun contexto no que o Banco Santander reporta nas súas contas uns beneficios millonarios e de marca a cada ano que pasa. Só o ano pasado, os beneficios superaron os 12.500 millóns de euros, un 14% por encima do ano anterior, sendo 2024 o mellor da súa historia e coa previsión de que a tendencia se manteña en 2025, gañando 6.800 millóns no primeiro semestre.

 

 

Estas cifras astronómicas non pasan inadvertidas para a CIG, que castiga a estratexia do banco sen que os beneficios repercutan no persoal. “Non é de recibo”, critica Conde, cando “ano tras ano os beneficios increméntanse exponencialmente e non se traducen na retribución do persoal nin nas súas condicións de traballo”. “Non é unha cuestión salarial, é moitas veces unha cuestión laboral. Estamos a irnos a un modelo de relación laboral onde se traballa por obxectivos que non se cumpren nunha xornada laboral”, interpreta Conde, xa que coas dificultades que atopan hoxe os persoais chégano a cubrir toda a papeleta que lles esixe o Santander porque “o tempo non chega”. 

 

G3JB 8eWQAAjSSa
Foto: CIG

 

“Como é posible que unha entidade, con estes beneficios, non se preocupe realmente polo seu persoal?”, cuestiona Conde, que con todo leva a pelota ao tellado de todo o sector da banca, pueste parece non ser un mal exclusivo do Santander, xa que noutras firmas tampouco está a entrar novo persoal. “Non hai substitución xeneracional. Non existe. A idade media do persoal é de 49 anos. Só entra persoal nos servizos centrais, en temas de tecnoloxía, analistas de datos, informáticos… e en Madrid, non están dispersos polo territorio”, sostén.

 

“IMOS A SEGUIR DENUNCIANDO” 

Desde o Santander non deron mostras de tratar de reverter a situación de “precarización” que denuncia a 

#CIG, que despois das mobilizacións das últimas semanas valora os seguintes pasos a dar. 

 

“O que xa manifestamos é que imos seguir denunciando se seguen pechando oficinas. Seguiremos denunciando as condicións de traballo que ten que soportar o persoal cada día nun modelo que denunciamos ante o Defensor do Pobo, pois consideramos que vai en contra da lexislación europea e do establecido na lexislación española respecto diso da atención aos colectivos vulnerables e ao dereito que temos de ser atendidos presencialmente”, declara Conde. 

 

 

A resposta da entidade foi da manter “vixiantes” ante calquera presunta irregularidade nas decisións de negocio que leven a cabo. “Están a desvirtuar as estatísticas. A dixitalización non se está facendo, porque é o persoal do banco o que ten que facer as tarefas online xunto ao cliente. Esta é a realidade diaria das oficinas, coa carga adicional de traballo que supón sen que exista un equilibrio con eses beneficios desorbitado que acumulan ano tras ano”, resolve Conde. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE