Un centenar de persoas participan na andaina contra a violencia de xénero
Na marcha, organizada pola Xunta, participaron diversas personalidades da política española.
Como en moitas outras cidades de España, Santiago de Compostela sumouse ás marchas en contra da violencia de xénero. Un centenar de persoas percorreron a distancia que separa o Monte do Gozo da compostelá Praza do Obradoiro para reclamar igualdade entre homes e mulleres e a eliminación da violencia de xénero.
A andaina, que celebra xa a súa quinta edición, está organizada pola Xunta e nela participaron distintas personalidades da política galega como a presidenta do Congreso, Ana Pastor, e o seu homólogo en Galicia, Miguel Santalices, ademais doutros representantes do Goberno galego. A camiñada partiu ás 11:00 horas do Monte do Gozo para cubrir o último tramo do Camiño Francés.
Alí, Ana Pastor atendeu aos medios para incidir en que "mentres haxa unha soa muller" en España que sufra a violencia de xénero "toda a sociedade" ten que "arroupar" a estas vítimas. "Sobre todo para que ninguén volva vulnerar un dereito sacro: que as mulleres teñen os mesmos dereitos que os homes. Ninguén poderá vulnerar o que quere toda a sociedade, o respecto á muller", declarou a presidenta do Congreso.
Pola súa banda, Alfonso Rueda indicou que a loita contra a violencia de xénero debería estar "fóra" da "pelexa política". A continuación, manifestou que unha xornada "de convivencia e alegría" como a deste domingo "é unha maneira perfecta de demostrar" que é posible unha sociedade "máis xusta". Doutra banda, os membros da asociación xuvenil de voluntarios AIESEC leron nun manifesto no que reclamaron a eliminación da "desigualdade" entre mulleres e homes, poñendo o foco na educación como factor crave, aínda que para eles aínda queda “moito por facer” no camiño cara á igualdade.
A Xunta tamén emitiu un comunicado na que o Goberno galego definiu a violencia de xénero como "a manifestación máis cruel e inhumana da secular desigualdade" entre homes e mulleres. "Todas as sociedades patriarcais discriminaron historicamente ás mulleres, relegándoas a un papel secundario, xeralmente vinculado ao seu rol de nais, educadoras e coidadoras", reza o comunicado lido por López Abella.
Ademais, demandaron a necesidade de respectar o Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero, aprobado o pasado verán no Congreso dos Deputados, que chama a conseguir de forma "urxente" un consenso institucional para combater esta secuela. Nel fíxanse as liñas de actuación nos casos de violencia de xénero. "As Administracións públicas e a sociedade no seu conxunto debemos persistir na procura de solucións eficaces para a protección das vítimas, a persecución dos autores, pero sobre todo na prevención deste delito que ano a ano avergóñanos como sociedade", conclúe a declaración.
Escribe o teu comentario