Os bombeiros provinciais denuncian as represalias da concesionaria
O comité de empresa do consorcio de Pontevedra di que "non se amedrentará" ante as "presións".
O comité de empresa do consorcio de bombeiros da provincia de Pontevedra asegurou que "non se amedrentará" antes as "presións" da empresa concesionaria, Matinsa, á que acusa de non prestar un servizo "de calidade" e de abrir expedientes aos traballadores "por realizar o seu labor sindical".
O pasado venres, representes dos parques de Ribadumia, Vilagarcía, O Morrazo e Baixo Miño acudiron aos xulgados en apoio a un "compañeiro representante sindical" que tiña pendente un xuízo contra a empresa que, finalmente, non chegou a celebrarse a petición de Matinsa, que considera que "debe resolverse un conflito colectivo previo no TSXG".
Nun comunicado emitido este sábado, o comité de empresa carga contra a concesionaria polo "incumprimento de pregos" e por non substituír de maneira "adecuada" as baixas do persoal, o que provoca "unhas graves deficiencias" na prestación do servizo.
"Todas estas denuncias públicas, ante o consorcio e ante inspección de traballo, parecen molestar á firma madrileña, pois Matinsa comezou a expedientar a representantes sindicais por diversos motivos", denuncia no comunicado.
Así, asegura que se abriu un expediente a un dos representantes dos traballadores "por faltas supostamente moi graves con ameaza de despedimento".
Con todo, o comité de empresa remarca que "non se amedrentará" ante estas "presións" e continuará traballando "polo ben dos cidadáns e dos excelentes profesionais que forman o colectivo de bombeiros do consorcio".
Escribe o teu comentario