A chuvia chega de forma máis abundante á zona máis afectada pola seca, o sur de Pontevedra
Galicia rexistra o seu terceiro día de chuvias, aínda que por agora non son suficientes para darlle a volta á situación de alerta.
A Comunidade galega rexistra o seu terceiro día consecutivo de choivas, pero esta fin de semana irase recuperando a influencia do anticiclón, polo que, por agora, non son suficientes as precipitacións para paliar a seca xa provocou restricións e que, de maneira singular, ten consecuencias no sur da provincia de Pontevedra.
Precisamente, os valores máis altos de precipitacións rexistrados este venres foron nesa zona. Así, nas estacións de Meteogalicia que se atopan por baixo dos 900 metros, as de Tui, Oia, O Rosal e Arbo son as que maiores valores de auga acumulada rexistraron, todas por encima dos 30 litros por metro cadrado. A estas estacións, hai que sumar a ourensá de Entrimo.
"MÁIS CONTINUIDADE DE CHUVIA"
Esta semana, o día de maiores precipitacións --o mércores-- rexistráronse 39,6 litros por metro cadrado acumulados en Lousame (A Coruña) e 33,1 en Cabo Udra (Pontevedra). Por baixo dos 30 litros, pero preto deste dato, as estacións de Fornelos de Montes e de Areeiro, en Pontevedra, alcanzaron os 29,8 e os 28,5 litros por metro cadrado, e Ordes (A Coruña) acumulou 28.
Fontes da Consellería de Medio Ambiente explicaron que é necesario que chova "con continuidade e constancia", sen carácter torrencial.
SEN CINZAS NOS BANCOS MARISQUEIROS
Os bancos marisqueiros galegos seguen limpos de cinzas dos incendios, segundo informou a responsable do Instituto Tecnolóxico de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado.
En resposta a unha pregunta do PSdeG na comisión de Pesca, Salgado afirmou que, polo momento, "non chegaron as cinzas ao mar", mentres se continúa coas medidas de vixilancia e prevención de danos no marco do plan contra a contaminación (plan Camgal), que se atopa activado.
Escribe o teu comentario