A Xunta queda con 800 leiras sen dono coñecido

As 797 parcelas suman 384 hectáreas, a maioría en Ourense, para incorporalas ao Banco de Terras e frear o abandono do rural galego.


|

La conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visita la zona de concentración parcelaria de Briallos, en Portas (Pontevedra)
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visita a zona de concentración parcelaria de Briallos, en Portas (Pontevedra)

 

Hai cinco anos, Galicia dotouse dunha ferramenta legal ara combater un dos grandes males estruturais do seu territorio: o abandono de miles de leiras cuxos donos son un misterio. A Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia prometía mobilizar unhas 320.000 parcelas de titularidade descoñecida nos anos seguintes. 

 

O proceso avanza moi lentamente , condicionado pola complexidade dos trámites administrativos. Con todo 797 leiras  están a piques de ser transferidas a titularidade pública da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), un ente da Xunta de Galicia.

 

Estas parcelas, dispersas polo territorio galego pero concentradas maioritariamente na provincia de Ourense, suman unha superficie total de 384,53 hectáreas. Unha vez pechado o proceso, sumaranse ás 12.932 leiras que Agader xa ten rexistradas no Banco de Terras de Galicia —coñecido como Bantegal—, que actualmente acumula 5.457 hectáreas cunha extensión media de apenas 0,42 hectáreas por parcela. Unha cifra que reflicte con claridade a histórica atomización da propiedade no campo galego.

 

Ourense, epicentro do abandono rural

A concentración destas leiras na provincia de Ourense non é unha casualidade. Esta é a provincia galega que máis poboación perdeu desde 1981, con 124.881 habitantes menos que entón. O éxodo rural prolongado durante décadas deixou un rastro de parcelas sen dono efectivo: herdanzas sen repartir, terreos pertencentes a emigrantes que nunca regresaron, ou propiedades de antepasados cuxa existencia descoñecen mesmo as súas propios descendentes. Familias que hoxe viven en América Latina, Europa ou nas cidades galegas ignoran que poden ter terras neste recuncho do noroeste peninsular.

 

Estas circunstancias converten a Ourense no territorio onde o mecanismo dos bens mostrencos —aquelas propiedades sen titular coñecido que pasan ao patrimonio público — ten máis percorrido práctico. Cando a investigación de titularidade non logra localizar a ningún herdeiro ou propietario, a lei establece que eses inmobles se incorporan ao patrimonio da Comunidade Autónoma. 

 

Non é unha confiscación, senón un proceso de saneamento rexistral que permite que leiras bloqueadas durante décadas polo esquecemento ou a emigración volvan ao circuíto produtivo.

 

A Xunta tamén gañou en 2020 respaldo legal para que estas parcelas, que até entón revertían directamente ao Estado ao non atopar propietario, puidesen ser xestionadas directamente pola administración autonómica. Foi un cambio substancial que reforzou a capacidade de Galicia para ordenar o seu propio territorio.

 

Como acaba unha leira baixo xestión pública?

O percorrido administrativo que leva a unha parcela até o Banco de Terras comeza moito antes da transferencia de propiedade. Agader monitoriza o territorio a través do Catálogo de Solos Agropecuarios e Forestais. Cando detecta unha leira en estado de abandono manifesto, abre un expediente de declaración de terra infrautilizada. Nese momento, a administración actúa como xestora, non como xuíz: o propietario recibe unha notificación instándolle a limpar a parcela ou a pola en produción. Só se ignora esas advertencias de forma reiterada, a leira pode incorporar de oficio ao Bantegal para ser arrendada a terceiros que si estean dispostos a traballala.

 

A Lei de Recuperación de Terra Agraria tamén habilita outra vía: a apertura de procesos de investigación de propiedade vinculados á implantación de polígonos agroforestais ou asentamentos ruraless —a nova denominación das aldeas modelo—. Cando nese proceso resulta imposible localizar ao titular, Agader queda facultada para arrendar a parcela durante un período de dez anos. Transcorrido ese prazo sen que apareza o propietario, a leira pode pasar definitivamente ao patrimonio autonómico.

 

Un escenario habitual é o dunha ladeira cuberta de toxos dividida en decenas de microparcelas. Se Agader decláraa zona prioritaria e detecta que unha desas leiras pertenceu a un veciño emigrado hai oitenta anos do que ninguén sabe nada, inicia a investigación. Ao confirmar a ausencia de herdeiros, inscribe a parcela a nome da Xunta e pona a disposición dunha cooperativa local ou un agricultor novo a través de Bantegal.

 

Incendios e presión da biomasa

O risco de incendio engade outra dimensión de urxencia ao problema. As fajas de xestión de biomasa nas contornas de núcleos habitados obrigan a manter limpas as parcelas lindeiras ás vivendas. Cando o propietario é ilocalizable ou se nega a actuar, a administración pode realizar limpezas subsidiarias e, en casos de interese público vinculados á recuperación dunha aldea modelo, proceder á compra ou permuta forzosa da leira. E 

 

O obxectivo de mobilizar 320.000 leiras segue sendo extraordinariamente ambicioso. Os propios impulsores da norma recoñeceron desde o principio que a dilatación dos procesos administrativos retardaría o ritmo. Pero as 13.700 leiras xa en Bantegal e case 800 máis en camiño, o sistema demostra que a ferramenta, creada polo bipartito e outrora deostada polo PP,  funciona. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE