A selectividade galega adiántase de setembro a xulio a partir do próximo curso
Con este cambio preténdese mellorar a integración dos estudiantes na súa entrada á ensinanza superior
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xunto coa Comisión Interuniversitaria de Galicia ( CIUG) e as tres universidades galegas, decidiron adiantar de setembro a xullo a convocatoria extraordinaria de selectividade en Galicia a partir do próximo curso 2018-2019.
A comunidade galega non é a primeira en adiantar a convocatoria. A esta medida xa se sumaron Asturias, Comunidade Valenciana ou País Vasco, e recentemente Castela e León e Madrid. A selectividade en Galicia continuará coas datas habituais durante o presente curso, mediante unha convocatoria ordinaria en xuño e unha extraordinaria en setembro. Esta última terá lugar en xullo a partir do período 2018-2019.
Con este cambio preténdese mellorar a integración dos estudantes nos calendarios do ensino obrigatorio e do curso universitario, tal e como declarou o conselleiro Román Rodríguez. A convocatoria en setembro obstaculiza a un gran número de alumnos a planificación do próximo curso académico e o acceso ás distintas carreiras universitarias; desta forma, preténdese que os estudantes estean asignados ás prazas da súa futura formación antes do inicio do curso, para así “contar con tempo para ir planificando” o seu salto ao ensino superior.
Xunto a este cambio de data, tamén se efectuaron varias modificacións no calendario de acceso á universidade cunha redución dos prazos de matrícula, que pasarán de oito a seis ao adiantarse a convocatoria extraordinaria de selectividade; e coa unificación da data de inicio de curso das tres universidades, que empezarán a partir do curso 2018-2019 na segunda semana de setembro.
Escribe o teu comentario