Francisco Caamaño: "A contratación de servizos públicos permite boas políticas de xestión"
O ex ministro de Xustiza participa nun libro que busca achegar un "soporte jurírico" ante a polémica da remunicipalización.
Presentación do libro en Santiago.
A lexislación europea non ampara a remunicipalización de servizos públicos por motivos ideolóxicos, senón que esixe unha motivación en beneficio da cidadanía. Así o puxeron de manifesto o ex ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, xunto co ex presidente de Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional, Pascual Sala, e o catedrático de Dereito Penal, Gonzalo Quintero, na presentación en Santiago do libro 'Servicios públicos e ideología. El interés general en juego', na que participou tamén o presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey.
Francisco Caamaño explicou que a publicación "pretende achegar un soporte xurídico para quen ten que decidir acerca de como xestionar os servizos públicos".
E é que o ex ministro explicou que "hai persoas que consideran que externalizar un servizo equivale a privatizalo, o que é un erro". Para el, a diferenza entre a xestión directa e a colaboración público-privada é que "no primeiro caso a administración convértese en empresaria do servizo e no segundo, no supervisor da calidade dos servizos e da garantía de prestación dos mesmos".
"Cando os cidadáns votan os seus representantes políticos, que elixen? A xerentes de empresas de auga ou de transporte, ou están a pensar en persoas que supervisen a eficacia dos servizos públicos?", cuestionou.
FALLOU O LABOR DE SUPERVISIÓN
Nesta liña defendeu que criteros como "emprego estable, paridade, cuestións ambientais ou o apoio á estratexia de cidade e a defensa do patrimonio" deben ir nas condicións de licitación.
É desta forma que "a contratación de servizos públicos permite facer boas políticas de xestión", afirmou. Para iso, é necesario "ocuparse diso ao momento de contratar e supervisar". "É nesa función de supervisión onde se fallou por parte dalgúns poderes públicos nalgúns momentos", explicou.
Este diagnóstico é compartido por Gonzalo Quintero, quen recriminou hábitos "preocupantes", polos que "a Administración tivo a idea de que a concesión a dou sen demasiadas explicacións de a quen lla dou nin a quen lla quito". Con todo, aclarou que "iso se foi corrixindo, xa que por 'imprevistos' e reformas de orzamentos coábase unha boa parte da corrupción pública".
CONCESIÓN MAL DADA
Desas prácticas naceu a "especie de febre de remunicipalización", asumida habitualmente "sen pensar se poden ou non poden prestalos cunha calidade suficiente de modo directo".
Así, alertou de que "dar a concesión a quen non se debe, pode constituír nun delito de prevaricación", do que matizou que "haberá que cambiar porque en España manexámolo para demasiadas cousas". Neste sentido, o catedrático lembrou que "unha concesión mal dada pode ser delituosa e unha concesión mal retirada tamén".
E é que a transposición das directivas europeas, que entrará en vigor en España en catro meses, esixe explicacións e argumentos para "expropiar" as concesións que non cometan incumprimentos.
Desta mesma idea expresouse Pascual Sala, lembrando que "a ideoloxía era o fundamento do 'rescate', a vontade unilateral da administración, sen necesidade de demostrar outras motivacións". Hoxe en día "esa posibilidade non está negada, pero si condicionada a razoala adecuadamente", en base a tres condiciones: "o interese xeral, a eficiencia e a eficacia"
Sala lembrou, ademais, que "servizo público é sempre de titularidade pública e isto non nega a posibilidade de que as administracións poidan prestalo directamente ou a través da colaboración público-privada".
O ex presidente de Tribunal Supremo e o Tribunal Constitucional tamén se referiu a outro condicionante destas decisións, como é a estabilidade orzamentaria, vixiada desde Europa. "Non se poden promover maiores servizos públicos se non existise a posibilidade de externalizar, sen abdicar da titularidade do servizo, a prestación dos mesmos", concluíu.
Escribe o teu comentario