"É rotundamente falso" que a xestión municipal da auga reduza a factura
"A auga xa é pública de sempre", aclara o director xeral de Agbar, que lembra que os concellos meten nestas facturas outros conceptos, como os relacionados cos residuos.
O director xeral de Agbar, Albert Martínez Lacambra, negou que a remunicipalización da xestión da auga nas cidades supoña un menor custo para os cidadáns: "É rotundamente falso".
"Falamos de remunicipalizar cando a auga xa é pública de sempre. A auga está en mans dos concellos, que regulan e tutelan", asegurou nunha entrevista de Catalunya Ràdio recollida por Europa Press, polo que rexeitou que se fale neses termos.
Martínez Lacambra lembrou que a través da factura de subministracións "están a pagarse moitos conceptos que non teñen nada que ver coa auga" e cifrou no 35% da recadación o que acaba na compañía que presta o servizo.
"Máis do 50% da factura non ten nada que ver coa auga", engadiu, xa que os consistorios utilizan este mecanismo para tributar outros conceptos como o tratamento de residuos ou impostos sobre a recollida de lixo.
Así mesmo, asegurou que se Barcelona decidise recuperar a xestión municipal da auga debería indemnizarse a Agbar con máis de 1.500 millóns de euros.
Escribe o teu comentario