A Deputación de Pontevedra dá o seu apoio á reconversión do Cíes
A presidenta Carmen Silva anunciouno durante unha reunión con membros de CC.OO., impulsores da proposta para reconverter o edificio nun centro para maiores non dependentes .
Fachada do Cíes.
A Deputación de Pontevedra apoiou oficialmente a idea de reconverter o antigo Policlínico Cíes nun centro de maiores non dependentes, unha proposta de Comisións Obreiras. A idea é que as persoas que acudan ao centro "poidan manter a súa independencia saíndo do centro para as súas compras, tomar o café ou simplemente pasear, pero nunha contorna de control".
Así o fixo saber a presidenta provincial Carmela Silva na reunión coa responsable da unión comarcal de CC.OO. en Vigo, Amelia Pérez, e o responsable da unión de pensionistas do sindicato, Perico Ucha, principais artífices da proposta para a creación do centro e que apostan para que sexa xestionado por unha fundación pública participada pola Universidade de Vigo, a Xunta e o Concello olívico.
Para Silva esta é unha das solucións na loita contra o "déficit que existe nas prazas de residencias para persoas maiores" que ten Vigo; e ademais serviría para recuperar "un edificio singular para a cidadanía", mantería o seu uso socio-sanitario e, xunto á nova Cidade da Xustiza, permitiría recuperar a actividade da zona. A proposta suma así outro apoio xunto ao Concello de Vigo. O plan, segundo Silva, é "perfectamente asumible por todas as administracións", polo que pediu "a implicación de todas no proxecto".
Escribe o teu comentario