Un modelo de "piso compartido" para maiores no antigo Cíes de Vigo
CCOO propón un modelo implantado no País Vasco e Castela e León e que non require grandes obras no edificio, propiedade da Seguridade Social.
Antigo Hospital Cíes, en Vigo.
Comisións Obreiras propuxo que o inmoble do antigo Hospital Cíes manteña a titularidade pública e sexa utilizado como centro de atención especializada para persoas maiores, concretamente para persoas cun "grao aceptable de independencia persoal e que elixen vivir en réxime de autonomía" pero baixo a tutela e asistencia da administración.
Nunha rolda de prensa este luns, a secretaria comarcal de CCOO, Amelia Pérez; o secretario xeral de pensionistas, Tito Hucha; e o médico e membro de Comisións, Jesús Araújo; indicaron que para defender esta proposta encargaron un informe a un arquitecto e un xeriatra para que validen o modelo de residencia da terceira idade que propoñen.
Segundo indicaron, a súa proposta segue o modelo de atención centrado na persoa xa implantado en País Vasco e Castela e León, polo que aos maiores se lles permite desenvolver as súas propias capacidades; trátase dunha proposta que trasladaron á Tesourería da Seguridade Social, cuxos responsables, dixeron, vírona "positiva".
O proxecto segue a "filosofía do piso compartido" e contempla crear entre 120 e 130 prazas e habilitar unha cociña e un 'office' para que os usuarios que queiran poidan "comer, cociñar, desenvolver actividades...". "A necesidade de camas é evidente, e podería xerar postos de traballo", remarcaron, antes de precisar que habilitar o edifico non precisaría de grandes obras.
"Esiximos á Xunta que non abandone servizos públicos, porque hai en Vigo un déficit estrutural de servizos sanitarios", asegurou Araújo, que lembrou que o edificio foi sacado a poxa en marzo de 2017 por 3,5 millóns de euros, pero quedou deserta e agora ábrese un período dun ano para adxudicación directa.
A continuación esixiron que a Seguridade Social ceda o edifico para este "necesario" centro tutelado de maiores e centro de día da terceira idade. "É necesario coller e darlle uso a ese edificio", remarcaron, apuntando que é "culpa da Xunta que aínda estea sen uso" e "case abandonado" cando Vigo "ten estas deficiencias en atención sociosanitaria".
Escribe o teu comentario