O sector galego das renovables e o da automoción miran a México
O conselleiro de Economía visitou o país centroamericano para impulsar lazos comerciais en sectores estratéxicos.
O conselleiro de Economía, Francisco Conde, concluíu a súa viaxe institucional a México con novas expectativas para impulsar lazos comerciais en sectores estratéxicos para Galicia como o 'contract', a automoción e as enerxías renovables.
Así o asegurou tras manter unha reunión co director xeneral adxunto de enerxías renovables da Secretaría de Enerxía, Luis Alfonso Muñozcano, no terceiro e último día de estancia no país.
Xunta e Goberno de México acordaron a creación dun grupo de traballo para explorar novas oportunidades de cooperación en ámbitos como a biomasa, a xeotermia ou o biogás. Conde subliñou que será o Instituto Enerxético de Galicia quen coordine esta iniciativa para desenvolver as liñas de actuación conxunta.
"Galicia mira hoxe a México desde unha óptica empresarial", sentenciou, antes de salientar que a Xunta traballa para incrementar as exportacións e o investimento entre ambos os países.
NOVOS NICHOS DE NEGOCIO
Conde adiantou que Galicia acollerá unha xornada para identificar novos nichos de negocio para as empresas galegas e mexicanas; e sinalou que na reunión co ministro de Economía mexicano, Ildefonso Guajardo, coincidiron na necesidade de aproveitar as sinerxias e "estreitar aínda máis" os vínculos comerciais e de investimento xa existentes.
No caso do 'contract', considera que as oportunidades que se lle abren no país son "moi importantes", sobre todo vinculadas ao desenvolvemento do sector turístico.
Escribe o teu comentario