O millonario ourensán amigo de Slim revela os seus vínculos co poder político de México
Olegario Vázquez Raña, fillo de emigrantes e que mantén os seus lazos con Galicia, concede unha entrevista a Forbes onde repasa algúns dos seus segredos.
Olegario Vázquez Raña, empresario natural de Avión (Ourense) e un dos homes máis ricos de México, concede á revista Forbes unha entrevista onde revela algúns dos seus segredos, coma as súas relacións co poder político do seu país de acollida.
O magnate é dono do Grupo Empresarial Los Ángeles, conglomerado con investimentos no sector hostaleiro (Hoteles Camino Real), os medios de comunicación (Excelsior, Grupo Imagen), ou a banca, a través de Banco Multiva.
Aquí é coñecido por traer a Avión, o seu pobo natal, ao multimillonario Carlos Slim, co que comparte amizade. Ademais, o mito que o rodea a el e ao seu irmán Mario, tamén empresario de éxito, conta que en 1998 os seus avións privados permitiron a Fraga desprazarse nunha viaxe institucional ao país centroamericano a pesar dun furacán que afectou á zona.
Tamén, ao parecer, foi un dos empresarios que Feijóo tanteou para rescatar a recentemente fusionada Novacaixagalicia, aínda que rexeitou implicarse. Un investimento que acabaría sendo unha ruína, pois tivo que ser rescatada polo FROB pouco despois e vendida por un prezo simbólico.
PRÓXIMO AO PODER
Sobre os seus vínculos co poder mexicano, o empresario negou calquera tipo de trato de favor, a pesar de recoñecer que foi "bo amigo de moitos presidentes". Chegóuselle a acusar de conspirar para favorecer a presidencia de Felipe Calderón. Aínda así, afirma que "xamais recibín nin unha milésima de axuda de ningún deles. Nunca tiven un negocio político. A única vez que fun a (Luis) Echeverría a pedirlle un favor, negoumo. Eu quixen comprar un avión e necesitaba unha licenza que só podía autorizar o presidente. E díxome 'non hai licenza. Díxenche: non!'".
E, coma calquera millonario, confesa algún dos seus vicios. Como luxo, recoñece que se concede o uso do avión privado ou o helicóptero. Destaca deste último a axilidade como medio de transporte para moverse entre ceas e reunións.
Escribe o teu comentario