A Audiencia da Coruña eleva a indemnización do Prestige por riba dos 1.600 millóns
O Supremo situara a cantidade en 513 millóns, pero os maxistrados conclúen "a necesidade de aumentar a indemnización".
Banco dos acusados do caso Prestige.
A Audiencia Provincial da Coruña fixou unha indemnización de máis de 1.600 millóns polos danos ocasionados pola catástrofe do 'Prestige', dos que a maior contía, 1.573 millóns, corresponden ao Estado español polos danos patrimoniais, ambientais e morais, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
O auto de execución da sentenza, --que recolle unha contía moi inferior á que a Fiscalía estableceu no xuízo, 4.328 millóns de euros-- tamén inclúe un pago de 61 millóns a Francia e outros 1,8 millóns á Xunta de Galicia polos gastos de reciclaxe do fuel.
Na resolución, feita pública dous días despois de que se cumprisen 15 anos deste sinistro, determínanse as sumas que definitivamente procede aboar aos prexudicados e que deben ser pagadas polas partes condenadas: o capitán do barco, Apostolos Mangouras e a aseguradora, The London Steamship Owners Mutual Insurance Association, "polo menos ata o límite dun billón de dólares estadounidenses".
UNHA "PEGADA INDELEBLE"
Indica o auto que "os danos morais causados son obvios, extensos e profundos, non só polo sentimento de temor, ira e frustración que afectou a gran parte dos cidadáns españois e franceses, senón tamén pola pegada indeleble da percepción referida a que catástrofes desta ou máis ampla magnitude poden afectar en calquera momento aos mesmos prexudicados".
Na sentenza ditada polo Tribunal Supremo xa se recoñecía como cantidade acreditada indemnizable a de 513 millóns de euros, pero os maxistrados da Audiencia Provincial afirman que "existen demostracións técnicas que avalan a necesidade de aumentar a indemnización por encima do certificado, como se infere dos informes do Consorcio de Seguros, aceptados pola súa orixe oficial e imparcial, sen que sexan os máis favorables ao Estado".
En relación aos 1,8 millóns que se adxudican á Xunta, refírense exclusivamente ao custo do reciclable de elementos contaminantes depositados na Sociedade Galega de Refugallos Industriais (SOGARISA), "xa que a Xunta subscribiu un acordo co Estado no que renunciaba a toda indemnización ao considerarse integramente resarcida polos danos ocasiones polo accidente do buque Prestige".
CANTIDADES
En relación á cantidade fixada para o Estado, a Sala entende que o dano patrimonial acreditado é de 931 millóns de euros, cantidade á que suma un 30% por dano ambiental, é dicir, 279 millóns de euros. Os maxistrados entenden que a esta cifra hai que engadirlle outro 30% por dano moral indemnizable, é dicir, 363 millóns de euros, o que arroxa un total de 1.573 millóns.
Fronte a esta resolución cabe interpoñer recurso ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo.
Escribe o teu comentario