Os "baleiros" na loita pola igualdade centran unha xornada de debate en Cangas
Lídia Senra pon de exemplo os "numerosos casos de acoso a mulleres que se están denunciando no Parlamento Europeo".
O Salón de Plenos do Concello de Cangas acolle este sábado a xornada 'O empoderamento das mulleres na esquerda política social', co obxectivo de debater e analizar os avances logrados en materia de igualdade política nos últimos anos e incidir nos "baleiros" que continúan existindo.
O acto, organizado pola eurodeputada galega e membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea / Esquerda Verde Nórdica, Lídia Senra, pretende concienciar a sociedade de que "a violencia sexista e o machismo, aínda que a exerzan compañeiros de partido ou de organización social, non se pode permitir baixo ningún concepto". A eurodeputada puxo de exemplo os "numerosos casos de acoso a mulleres que se están denunciando no Parlamento Europeo".
O evento comezou cun coloquio baixo o título 'Mulleres implicadas política e socialmente fronte ao machismo diario que continúa imperando na maioría de organizacións de esquerdas'. Lídia Senra, a deputada de En Marea no Congreso Alexandra Fernández e a concelleira de Marea en Marín Sandra Pesqueira exercen como relatoras e a concelleira de Marea de Vigo Margarida López Barreiro, como moderadora.
O coloquio da tarde vira ao redor de 'A raíz da violencia machista. Como se desenvolve e como se nos conta a historia'.
Escribe o teu comentario