PSOE e PP tratan de reforzar as súas apostas políticas para pelexar o 21D en Cataluña
Os socialistas escenifican un peche de filas ao redor de Pedro Sánchez e Rajoy arroupará o seu candidato nun acto en Barcelona.
A próxima data marcada no calendario dos principais partidos políticos españois é o 21D. E a menos de mes e medio da cita coas urnas en Cataluña, convocada para deixar atrás a intervención da autonomía, cada formación trata de dobrar a súa aposta para afrontar a nova etapa.
O PSOE pechou filas este sábado en torno ao líder do partido, Pedro Sánchez, e a estratexia do primeiro secretario do PSC, Miquel Iceta, ante as eleccións catalás do 21 de decembro, para os que confeccionou unhas listas que integran a representantes da extinta Unió (centrodereita catalanista), pero que abriu tamén pola esquerda, acollendo o ex fiscal e ex eurodeputado de Podemos Carlos Jiménez Villarejo.
Era a primeira reunión do Comité Federal -máximo órgano entre congresos-- desde a vitoria de Sánchez nas primarias de maio, que lle devolveron os mandos do partido dos que foi defenestrado precisamente polos críticos no fratricida Comité Federal do 1 de outubro de 2016.
Os presidentes autonómicos socialistas mantiveron unha reunión previa con Sánchez e cos secretarios xerais das distintas federacións, máis o primeiro secretario do PSC, Miquel Iceta, na constitución do Consello Político Federal, un foro máis restrinxido que o Comité Federal no que puideron falar de maneira máis aberta, protexidos das filtracións.
Pero hoxe, incluso os outrora críticos con Sánchez, desde a presidenta andaluza, Susana Díaz, ao valenciano Ximo Puig, pasando polo presidente de Castela-A Mancha, Emiliano García-Page, apoiaron a posición da dirección do partido na crise catalá.
APOIO A ICETA
Os 'baróns' do PSOE tamén apoiaron a estratexia de Iceta de fronte ao 21D. Vara destacou que a integración nas listas de catalanistas moderados procedentes de Unió é a "forma perfecta" para chegar "ao corazón de moitos cataláns", mentres que García-Page asegurou que Iceta está a mostrarse como o líder con "máis reflexos" para defender a orde constitucional cuns argumentos distintos aos escoitados ata a data.
Puig tamén considerou moi oportuna a mensaxe de "superación do frontismo" que o PSC envías coas súas listas, mentres que o presidente de Aragón, Javier Lambán, referiuse a Iceta como "a única opción que realmente pode dar solución ao contencioso de Cataluña pola vía do diálogo, do pacto e do entendemento, o resto das opcións parten de posicións enfrontadas e de imposible achegamento".
A de Iceta foi a única intervención en aberto ante o Comité Federal, xunto á do líder do partido, Pedro Sánchez, que presentou o novo PSOE como un partido "unido e forte", e o único que non ten complexos en defender un proxecto nacional de España desde a "concordia" fronte á "confrontación" coa que actúa o PP. E un PSOE diferente tamén á esquerda que representa Podemos e as súas confluencias, e que se situaron ao lado do "secesionismo das elites".
RAJOY VOLVE A BARCELONA
O presidente do Goberno, pola súa parte, participa este domingo en Barcelona na presentación de Xavier García Albiol como candidato á presidencia da Generalitat e das listas coas que o PPC concorre ás próximas eleccións catalás do 21 de decembro.
O acto, previsto para as 11 horas nun hotel da capital catalá, será o pistoletazo de saída da carreira electoral dos 'populares' e contará con boa parte da Executiva Nacional do PP.
Será a primeira visita de Rajoy a Barcelona tras a aplicación do artigo 155 da Constitución. O Executivo está satisfeito de como se están desenvolvendo os acontecementos, tanto pola tranquilidade que ao seu xuízo se vive en Cataluña como pola paulatina "volta á orde constitucional" que se está producindo.
Escribe o teu comentario