O Celta doma os leóns


|


CeltadeVigoAthletic 3

Os xogadores do celta celebrando un tanto. Fonte: RC Celta


Vitoria balsámica do Real Club Celta de Vigo por 3-1 ante un descoidado Athletic de Bilbao que se afunde na clasificación ligueira. Os de Unzué maniataron en menos de media hora ao conxunto vasco, que só soubo reaccionar cando os celestes dominaban en marcador por 3-0 grazas ao dobrete do xa centenario Iago Aspas e a un cabezazo de Sergi Gómez que abriu o marcador ao cuarto de hora de xogo. Raúl García fixo o gol da honra para un Athletic que queda moi tocado tras a súa terceira derrota seguida.


En apenas vinte e cinco minutos os vigueses liquidaron un encontro que se antollaba complicado despois de caer ante Atlético de Madrid e Malaga. Arroupados por un público que volvía estar seguro e a cuberto tras a reparación do teito de Balaidos, os pupilos de Juan Carlos Unzué mostraron a súa mellor versión de xogo ante os leóns, cun Iago Aspas estelar que celebrou a súa sexta convocatoria seguida con ‘A Roja’ cun partidazo.


Pero o fútbol do Celta só pódese entender desde a sala de maquinas. Sisto, ‘Tucu’ e Wass volveron callar un excelente partido, cunha primeira media hora de xogo onde recuperaron o nivel demostrado nas campañas con Berizzo. Maxi Gómez, relegado a un segundo plano polo nivel de Aspas, achegou ao equipo arrastrando defensas e abrindo oco para o de Moaña. Dende a banda dereita fixo moito dano o cadro celtiña, con dous centros dos daneses Sisto e Wass que valeron para facer o primeiro gol do partido e o que pecharía a conta celeste. Entre medias, Aspas aproveitouse da inexperiencia dun Unai Nuñez, superado nos primeiros compases, para plantarse ante Kepa e cravar o coiro na cepa do poste, superando así os 100 goles coa casaca do Celta.


Co partido encarrilado, o Athletic buscou meterse no encontro só cando o Celta permitiullo dando un paso atrás para asegurar a vitoria e buscar matar o partido á contra. Preto do final da primeira parte, Raúl García maquillou o resultado cun soberbio gol marca da casa. Xa no segundo tempo o dominio tivo unha clara cor branquivermella, pero as mellores ocasións bilbaínas, nacidas de dous croque de Lapote e Nuñez, terminaron repelidas por Rubén Branco.


Sen máis cambios no luminoso, o Celta de Vigo amarrou tres puntos de ouro ante un rival ao que non derrotaba no seu feudo desde 2003. A vitoria aúpa aos celestes ata a undécima posición, mentres que o Athletic de Bilbao cae ata a décimo quinta praza da táboa, o que deixa ao ‘KukoZiganda tremendamente cuestionado en San Mamés. Agora coa seleccións toca tempo de descanso en Vigo e a gozar dos internacionais. Próxima cita no Sánchez Pizjuán dentro de dúas longas semanas sen Liga.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE