Martiño Noriega: "O modelo de convivencia está roto"
O alcalde de Santiago cre que a xestión do conflito en Cataluña pon "en cuestión" a independencia de poderes.
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reiterou a súa "preocupación" polo "inicio dunha etapa de regresión nos dereitos fundamentais e as liberdades do Estado" a raíz do conflito aberto en Cataluña, cuxa xestión por parte do Goberno central e a xustiza española pon "en cuestión" a "independencia de poderes".
"Non é positivo confundir o que son os intereses de Estado cun Estado de Dereito", asegurou este venres o rexedor compostelán, quen vaticinou que a "xudicialización e criminalización de conflitos políticos" desembocará en situacións "terriblemente complicadas".
"Todo o que está a pasar é unha expresión de fracaso da propia política", manifestou o alcalde santiagués, que se preguntou "ata onde se vai chegar coa xudicialización do que está a pasar".
Nesta liña, incidiu en que o de Cataluña é un "problema político" que non se cingue a "uns responsables institucionais", senón que "afecta a moitísima xente", polo que "ou se desactiva politicamente, ou de verdade temos un problema", augurou.
CONVIVENCIA
"O dano que se lle está facendo aos dereitos fundamentais e ás liberdades é irreparable. O modelo de convivencia está roto", remarcou antes de comentar que "só se utiliza o argumento do ordenamento xurídico ou da lei" para tomar decisións desde os poderes do Estado.
"Eu pódoo entender ou respectar, pero o marco xurídico está para respectar o modelo de convivencia. Cando o marco xurídico e político non está para garantir o modelo de convivencia é que algo falla", comentou.
Ademais, cre que a xestión do conflito en Cataluña está a infrinxir un "dano irreparable" aos "dereitos fundamentais", ás "liberdades" individuais e á "credibilidade" do Estado español "a nivel internacional".
Así mesmo, Martiño Noriega asegurou que a súa aposta pasa por afrontar "unha nova etapa" coa activación dun "proceso constituínte" que garanta "un compromiso en clave social" e estableza "o dereito dos pobos a dicir".
Con todo, mostrouse pesimista sobre este extremo: "Dicir isto nestes momentos é case como falar de imposibles porque o camiño é outro e estase comprobando", concluíu.
Escribe o teu comentario