González Formoso defende que comparece no Parlamento por "coordinación" coa Xunta
O presidente da Deputación coruñesa respecta que Carmela Silva e Darío Campos non presenten os seus orzamentos.
Pide "respecto á autonomía de cada institución".
O presidente da Deputación da Coruña, o socialista Valentín González Formoso, expresou este venres o seu "respecto" pola decisión dos seus homólogos en Lugo e Pontevedra, os seus compañeiros de filas Darío Campos e Carmela Silva, respectivamente, de non acudir á Cámara para presentar os seus orzamentos, pero persoalmente mostrouse partidario de "coordinar" as súas contas coas autonómicas.
En concreto, a preguntas dos xornalistas á súa chegada ao Parlamento, puntualizou que el non asiste por "render contas", senón pola importancia que lle concede á "coordinación" do traballo das institucións públicas.
"Calquera pode entender que a iniciativa que puxo en marcha o Parlamento presidido por Dolores Villarino buscaba o que a cidadanía demandaba e segue demandando: coordinación entre administracións", recalcou Formoso, favorable a que o Parlamento coñeza as súas contas e dea a súa opinión ao respecto, e que tamén el poida comentar as da Xunta.
Dito isto, acerca da decisión de Campos e Silva, optou por "o respecto á autonomía de cada institución" para dar os pasos que considere oportuno. "É o mesmo que reclamo para min", resolveu.
Escribe o teu comentario