A Fiscalía decántase pola prisión provisional para os investigados por incendios

Considera que a medida cautelar é "máis propicia" para conseguir testemuños por parte de veciños.


|

Incendioseucaliptos


A Fiscalía de Galicia apunta que a prisión provisional de incendiarios "é en ocasións máis propicia" para "solicitar testemuños sabendo de que o imputado non está en liberdade", e que "ocorrido o feito a sensibilidade cidadá é máis acentuada".


Así figura nunha instrución do fiscal superior de Galicia de 2016, que recolle Europa Press, "sobre as actuacións en materia de incendios forestais", na que tamén se avoga por "sensibilizar" os corpos policiais en materia de incendios sobre a posibilidade de aplicar a lei de protección a testemuñas e peritos en causas criminais.


Este mércores, 1 de novembro, Miguel A.M.N. cumpre dúas semanas en prisión tras a súa detención en Vigo ás 8,30 horas o 18 de outubro por un incendio dunha hectárea producido o 15 de outubro por unha imprudencia nunha parcela familiar dos Blancos.


Ata a data son tres os investigados pola última vaga de lumes en Galicia, aínda que a superficie queimada por estes incendios apenas chega a 5 hectáreas entre os tres e só Miguel está na cárcere. Todo iso á espera de que a Audiencia Provincial de Ourense resolva sobre o seu recurso contra a decisión de envialo a prisión cautelar sen fianza.


"EN FUNCIÓN DO PERIGO"


Neste escrito de Fiscalía, que recolle catro conclusións en folla e media, sinálase que a instrución ten a súa razón de ser porque "é unha prioridade".


O ministerio público remarca que a prisión cautelar debe ser efectuada "en función do perigo demostrado e, por iso, hai que relacionar, se hai indicios, varios feitos".


Neste sentido, os fiscais deberán reflectir no atestado "a maior concreción posible" e todo iso "coa maior provisión de material gráfico posible, incluídas as fotos aéreas ou por satélite para delimitar a área do incendio e cualificar a superficie afectada ou susceptible de selo". Así mesmo, se o atestado non fose completo "nada impide a solicitude ao xulgado destas dilixencias complementarias antes de decidir" sobre a situación do imputado.


Tamén lembra que é necesario que no atestado veñan relacionados todos os lumes que se imputan.


"INEXPLICABLE"


Pola súa banda, en declaracións a Europa Press, o presidente do Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), Manuel García, tacha de "inexplicable" que "a estas alturas Miguel siga en prisión provisional por unha imprudencia".


Ademais, censura que o seu amigo "só pode recibir unha visita á semana de 40 minutos". "Nin a un terrorista nin a un criminal lle fan isto", lamenta.


O detido polo lume dos Blancos foi un dos fundadores do Movemento Ecoloxista da Limia e recibiu o apoio de máis dunha vintena de asociacións ecoloxistas galegas nos últimos días, xa que o ven como un "chibo expiatorio" da vaga de lumes que arrasou máis de 35.500 hectáreas en Galicia.


"Que pasa coa investigación dos outros incendios? Por que ten que pagar unha persoa por un incendio de menos dunha hectárea por todo?", lamenta o presidente de MEL.


relacionada Oito de cada dez incendios clasifícanse como intencionados sen comprobalo
relacionada O detido polo incendio dos Blancos presenta recurso contra o seu ingreso en prisión
relacionada En liberdade a septuaxenaria de Mos investigada por tres incendios forestais
relacionada Os incendios da fin de semana arrasaron máis que en todo 2014, 2015 e 2016 xuntos

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE