O Dépor reencóntrase coa vitoria
"O máis positivo é que o equipo xogou como tal", manifestou Cristóbal Parralo tras o pertido, rebaixando a euforia polo 1-3.
Celebración dun dos goles de Borges. Foto: RC Deportivo
O Deportivo respondeu con contundencia á UD Las Palmas no seu campo despois da derrota copeira en Riazor. A pesar de que os locais se adiantaron antes do minuto 10, dous cabezazos de Celso Borges e un penalti provocado por Fede Cartabia e transformado por Lucas Pérez deron os tres puntos en liga aos coruñeses.
No minuto 7, Las Palmas adiantouse no marcador, no seu segundo disparo a portería, despois dunha chegada de Rémy polo extremo dereito. O dianteiro francés, practicamente sen ángulo, bateu a Pantilimon metendo o balón entre as súas pernas.
Ao cuarto de hora de xogo, o Dépor comezou a achegarse con perigo. Ao fío da media hora, reviviu o conxunto local, pero unha xogada de equipo do Dépor serviu para poñer as táboas no marcador cun remate de Celso Borges, que impuxo a súa envergadura.
A segunda metade arrincou con timidez por parte de ambos os equipos. No minuto 53, nun saque de esquina, botado por Lucas, chegou o 1-2. Borges apareceu de novo no segundo pau para cabecear ao fondo das mallas.
Las Palmas tratou de responder rápido, pero non chegou a xerar gran perigo. E no minuto 68, o Dépor puxo terra polo medio. Lucas encargouse de transformar un penalti cometido sobre Fede Cartabia para colocar o 1-3 no marcador.
O dominio amarelo nos minutos finais non se materializou en gol e o Dépor soubo manexar a súa vantaxe para sumar o primeiro triunfo da tempada a domicilio.
Cristóbal Parralo, tras a vitoria, manifestou na sala de prensa do estadio amarelo que "encaixamos un duro golpe outra vez aos 7 minutos. Estou contento porque o equipo se repuxo, non baixou os brazos e seguiu pelexando, traballando. Ao final fomos xustos vencedores".
Cre o técnico deportivista que "tampouco hai que desatar a euforia. Volvemos cometer algún erro, sobre todo aos 7 minutos. O máis positivo é que o equipo xogou como tal, con intensidade, con agresividade. Xestionou e madurou o partido".
Escribe o teu comentario