O Aquae Talent Hub regresa coa vontade de dar "un paso máis" na innovación colaborativa
O evento celébrase o 8 de novembro na Facultade de Económicas da USC para dotar de ferramentas de crecemento profesional a estudantes e futuros emprendedores.
María Dolores Álvarez e Julio Masid.
A segunda edición compostelá do Aquae Talent Hub presentouse este luns en Santiago, a pouco máis dunha semana da súa celebración o 8 de novembro. O evento de innovación e emprendemento impulsado pola Fundación Aquae, Viaqua e a USC regresa á Facultade de Económicas coa idea de dar "un paso máis" nese impulso, centrado este ano na "innovación colaborativa".
Esta presentación correu a cargo de Julio Masid, director de Viaqua, e María Dolores Álvarez, vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC.
Julio Masid puxo de relevo as ferramentas de crecemento profesional e persoal das que este evento dota aos alumnos e outros participantes do mundo do emprendemento e a innovación. Ademais, o director de Viaqua, destacou que esta experiencia reafirma o seu vínculo a Universidade, ao compartir esa preocupación pola innovación que contribúa a un mundo sustentable.
Tamén a vicerreitora quixo agradecer a Viaqua e a Fundación Aquae o financiamento do evento que "encaixa coa filosofía" da institución. E é que María Dolores Álvarez lembrou que España necesita da cultura emprendedora e a "innovación responsable" para xerar un "tecido produtivo máis innovador e cargado de valores". Obxectivos compartidos polas tres organizacións participantes.
Na anterior edición do Aquae Talent Hub, en maio, participaron máis de 400 persoas na xornada. E aínda que non teñen constancia de que callase o desenvolvemento de ideas presentadas no taller participativo, "faríanos moita ilusión que si", manifestou Julio Masid. Aínda que matizou que o que buscan é dotar aos mozos de ferramentas para o nacemento destas ideas.
Tamén a vicerreitora quixo matizar que a inspiración desta proposta non é dar lugar inmediatamente a proxectos emprendedores, senón que o obxectivo é "involucrar aos participantes nesa paixón polo emprendemento" e contribuír á formación para desenvolver ese espírito.
Por tanto, ambos convidaron os estudantes a participar o día 8 de novembro na cita que regresa á Facultade de Económicas e que terán como relatores a Irene Lapuente e Santiago Roncagliolo.
Escribe o teu comentario