O segundo 'Aquae Talent Hub' prepárase para repetir o éxito da primeira edición en Santiago
O evento de innovación e emprendemento volve seis meses despois para impulsar novas ideas vinculadas co medio ambiente.
Santiago Roncagliolo imparte a master class.
O evento de innovación e emprendemento Aquae Talent Hub volve facer escala o 8 de novembro en Santiago. Concretamente, a Facultade de Económicas da USC prepárase para acoller a segunda edición na capital, tras o éxito de participación da cita do mes de maio.
Aquae Talent Hub, impulsado por Viaqua, a Fundación Aquae e a USC, é, tal e como destacan os seus promotores nun comunicado "unha plataforma de impulso a novas ideas, un lugar de encontro onde compartir coñecemento e potenciar o talento, e un espazo de reflexión e divulgación sobre emprendemento e innovación".
A xornada de traballo está composta por unha master class e un taller. A primeira parte estará esta vez dirixida polo escritor, xornalista, guionista e tradutor Santiago Roncagliolo, experto en innovación solidaria.
En 2005, convidado por Fundación Aquae, Santiago viaxou cun equipo de UNICEF polos ríos da selva peruana para coñecer de preto como é vivir sen auga segura e sen saneamento. En América Latina, uns 35 millóns de persoas carecen de auga potable (no mundo xa son 663 millóns de persoas) e 106 millóns non contan con saneamento adecuado.
Irene Lapuente impartirá o taller de creatividade.
Pola súa banda, o taller de Aquae Talent Hub "permitirá explorar o proceso creativo e como xerar novas ideas dunha forma diferente". Estará liderado por Irene Lapuente, física de formación e experta en Comunicación e Pedagoxía (as súas áreas de expertise son o método científico, o design thinking e os procesos creativos) e cofundadora de La Mandarina de Newton, empresa que une ciencia e tecnoloxía para fomentar a creatividade.
Ata a data, máis de 2.400 persoas participaron nestas experiencias en Elxe, Murcia, Málaga, Sevilla, Huelva, Granada ou Santiago de Compostela.
Fundación Aquae destaca que o obxectivo que persegue é "xerar o interese polo emprendemento e os proxectos dos emprendedores", ademais de achegar visibilidade a iniciativas sociais que teñan unha forte vinculación co medio ambiente, a cultura, a cooperación e o emprendemento social.
Escribe o teu comentario