O Hospital Álvaro Cunqueiro inclumple o cociente de matronas nun día con case 20 partos
Este xoves, o persoal denuncia que só houbo 5 profesionais para atender a 18 mulleres ingresadas.
Os recortes en persoal na sanidade pública teñen efectos sobre todas as áreas. Se habitualmente, os primeiros servizos en colapsar son as Urxencias dos hospitais, este xoves no Álvaro Cunqueiro de Vigo o "caos" afectou os nacementos.
Tal e como recolle Faro de Vigo, a Comisión de Matronas do Colexio de Enfemería denunciou que "as 18 mulleres ingresadas foron atendidas por tan só cinco matronas, poñendo en serio risco a calidade asistencial e xerando nelas un abafo por non poder desenvolver ben o seu traballo".
O colectivo asegura que estas situacións son frecuentes, mentres o Sergas achaca a situación a un "pico asistencial" e eleva a cifra de profesionais ata sete.
De calquera forma, as matronas lembran que deberían ser "nove e non cinco" as profesionais dispoñibles para cumprir os cocientes da OMS (Organización Mundial da Saúde), que recomenda unha matrona por parturiente -dúas en casos excepcionais-.
Escribe o teu comentario