Falece a edil do Concello de Lugo Olga López, terceira morte no goberno local no que vai de mandato
O Concello decreta tres días de loito. É un "novo duro golpe" tras as mortes da alcaldesa Paula Alvarellos e do edil Pablo Permuy.
O Concello de Lugo atravesa un dos momentos máis escuros da súa historia recente. A concelleira de Benestar Social, Olga López Racamonde, faleceu este luns tras unha dura batalla contra o cancro de mama que lle foi diagnosticado en xullo de 2022. Tiña 55 anos. A edil permanecía ingresada desde facía semanas no hospital e non logrou superar a enfermidade.
Natural de Lugo, López Racamonde exerceu durante anos como matrona especialista en Obstetricia e Ginecología, coordinando a unidade de partos durante o traslado ao HULA e liderando un modelo de atención menos intervencionista. Compaxinou o seu labor asistencial coa docencia na Escola de Enfermaría. Chegou á política municipal da man do PSOE en 2019, sempre centrada na defensa dos servizos sociais e a sanidade pública.
O seu compromiso institucional foi exemplar até o final. Mesmo nas súas últimas semanas, abandonou temporalmente o hospital para acudir a un pleno municipal e garantir a aprobación dos orzamentos.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, resumiuno en redes sociais: saía do hospital para votar e regresaba a continuar o tratamento.
TERCEIRO GOLPE NUN MANDATO TRÁXICO
A morte de Olga López Racamonde súmase á da exalcaldesa Paula Alvarellos, falecida o 1 de marzo de 2025 por mor dun infarto, e á do concelleiro Pablo Permuy, que morreu en setembro dese mesmo ano.
Tres baixas no grupo socialista en apenas tres anos de mandato, unha situación sen precedentes na política local galega. A súa morte obriga agora a un novo cambio na lista electoral do PSOE, sendo Alberto Caldero Pérez o seguinte en incorporar ao grupo municipal.
O alcalde, Miguel Fernández, destacou o compromiso e a vocación de servizo da edil falecida, así como o seu labor profesional como matrona e docente. Subliñou que enfrontou a enfermidade con valentía, sen buscar escusas e sen permitir que ninguén a victimizara. Recoñeceu que a corporación lucense vive un ano "moi duro".
TRES DÍAS DE LOITO OFICIAL
O Concello decretou loito oficial desde as 9:00 horas do martes até as 9:00 do venres, coas bandeiras a media hasta na Casa Consistorial e no resto de dependencias municipais. As condolencias chegaron desde todos os grupos políticos. O tenente de alcalde, Rubén Arroxo (#BNG), falou dun "novo duro golpe" nun mandato "cargado de traxedia". Pola súa banda, a portavoz do Grupo Popular, Elena Candia, expresou o seu respecto cara a quen compartiu "o compromiso co servizo público".
O Concello destacou que o seu legado nos servizos sociais e na cidade de Lugo perdurará. Unha pegada construída desde a humildade, o traballo e a defensa dos máis vulnerables.
Escribe o teu comentario