Adxudicadas as 600 prazas do programa de termalismo para maiores da Deputación de Lugo
É a sexta edición de Lugo Termal, do que xa gozaron en anos anteriores 5.600 lugueses.
A Deputación de Lugo adxudicou este venres as 600 prazas, con descontos de sesenta euros, do programa Lugo Termal 2017.
Estas contan co obxectivo de "facilitar a lucenses maiores de cincuenta e cinco anos" o acceso aos tratamentos termais dos balnearios da provincia de Lugo.
O presidente do goberno provincial, Darío Campos, informou que "se trata da sexta edición" de Lugo termal, "unha renovación que fomenta o benestar e o turismo termal na provincia", que enmarca no Plan Estratéxico de Turismo, cun investimento de 36.000 euros.
"Estas prazas subvencionadas distribúense nos balnearios de Lugo, Pantón e Palas de Rei, que son os establecementos que se presentaron a esta convocatoria pública, queda neste caso fóra Guitiriz", afirmou o presidente.
O prezo dos paquetes oscila entre os 190 e 140 euros. O primeiro deles consta de seis días -cinco noites- con entrada o domingo e saída o venres, en réxime de pensión completa.
Os beneficiarios gozarán de doce técnicas termais, un recoñecemento médico e actividades socioculturais. O prezo máis baixo é sen estancia, durante dez días ofreceránselles un total de trinta técnicas termais e un recoñecemento médico.
"Xa hai moitas persoas interesadas nesta programación, polo que o prazo de solicitude abrirase o próximo mes de novembro, pois debemos aprobar un proceso de concorrencia no que se establecerá que as prazas son para os lucenses maiores de cincuenta e cinco anos e que se concederán por rigorosa orde de entrada das solicitudes".
Os beneficiarios poderán gozar destes servizos cun acompañante, que deberá xustificar o seu empadroamento na provincia.
Campos aproveitou a ocasión para destacar o éxito dos seis anos anteriores do dito programa, do que se beneficiaron 5.600 lucenses.
Escribe o teu comentario