As mulleres vítimas do lume en Nigrán xa poden ser enterradas
Concluíronse os trámites forenses. Quedaron atrapadas dentro dunha furgoneta cando fuxían das chamas.
Aldea de Chandebrito, antes da traxedia.
O xulgado de instrución de Vigo autorizou este mércores o enterramento das dúas mulleres falecidas o pasado domingo no incendio rexistrado na zona de Chandebrito, en Nigrán, tras concluírse os trámites forenses, segundo confirmaron fontes xudiciais.
Estas dúas mulleres, de 86 e 78 anos de idade, perderon a vida na noite do domingo cando trataban de escapar das chamas, xunto cunha veciña, nunha furgoneta. Os seus corpos calcinados apareceron no interior do vehículo, nunha pista entre Chandebrito e Camos.
Por outra banda, o xulgado vigués xa autorizara este martes a inhumación do veciño da parroquia viguesa de San Andrés de Comesaña, de 70 anos de idade, que tamén faleceu o domingo tras caer desde un muro, desde onde estaba a axudar a loitar contra as chamas.
Do mesmo xeito, o xulgado de Ribadavia autorizou tamén o martes o enterramento dun veciño de Abelenda, en Carballeda de Avia, que perdeu a vida na noite do domingo cando trataba de salvar os seus animais do lume.
Escribe o teu comentario