Martiño Noriega chama a abordar "con honestidade" o cambio do modelo forestal
O alcalde de Santiago subliña a necesidade de "poñer en valor o rural".
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, chamou este luns, tras "un día triste" no que se rexistraron máis dun cento de incendios, a "abordar dunha vez" e "con honestidade" o cambio de modelo forestal de Galicia.
É necesario, como subliñou o rexedor en declaracións aos medios, "poñer en valor o rural" e desenvolver "outra política forestal", en lugar de facer "vitimización" ou "culpabilización". Criticou así as alusións aos lumes sen control que traspasaron a fronteira portuguesa para chegar a Galicia.
En paralelo ao cambio de modelo, Noriega mostrouse consciente de que os galegos teñen "unha mina" baixo os pés que estalou o domingo causando varios mortos. "Iso non pode ocorrer", sentenciou.
Finalmente, en clave local, sostivo que a capital galega só rexistrou dous pequenos incendios na parroquia de Berdía e na canteira de Miramontes, aínda que si houbo "alarma social" porque a cidade "estaba chea de fume".
Esta situación foi debida ás "condicións meteorolóxicas" e, como evidenciou o primeiro edil compostelán, "daba a sensación de que había incendios preto". "Pero non tivemos que lamentar ningunha desgraza e é o positivo dentro dunha xornada tráxica para o país", concluíu, antes de mostrarse "indignado" co ocorrido.
Escribe o teu comentario