Feijóo cualifica a situación de "crítica" e admite que os lumes están descontrolados
"Estamos no peor dos momento porque os avións e helicópteros non poden voar", sinalou o presidente da Xunta .
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cualificou como "crítica" a situación en Galicia polos incendios e admitiu que é "case imposible" controlar os lumes que ameazan núcleos de poboación polos refachos de forte ventos desta noite.
Nunha entrevista á Sexta, Feijóo detallou que esta noite existen 15 incendios con situación de alerta 2 pola súa proximidade a vivendas, e fixo un chamamento á poboación para que se poña a salvo en lugares seguros.
"Estamos no peor dos momento porque os avións e helicópteros non poden voar", dixo o presidente ao avaliar a situación desta noite, onde a costa galega rexistra ventos con refachos de entre 70 e 90 quilómetros por hora.
"Se o vento estivese en condicións normais non estariamos a pasar por esta situación", engadiu Feijóo, incidindo na suma de elementos que avivan as chamas.
"Non só estamos a loitar contra o lume, senón contra o vento, a adversidade climatolóxica, a temperatura alta, a seca e a intencionalidade", explicou.
Feijóo lembrou que hai "miles de persoas traballando" contra o lume en toda Galicia, e a Unidade Militar de Emerxencias (UME) desprazou máis efectivos ás zonas afectadas.
"Temos que pasar este momento crítico e espero que cando vaia amencendo volvamos controlar a situación", segundo o presidente galego, que asegurou que "nunca houbo en outubro tantos medios" para combater o lume en Galicia.
Ademais, Feijóo sinalou a morte de dúas persoas carbonizadas no interior dunha furgoneta na localidade de Nigrán (Pontevedra) como o peor do balance das últimas horas. "Perdemos a dúas persoas e iso xa non ten solución", lamentou.
Escribe o teu comentario