UGT reprocha "mala fe" á Xunta no traslado de funcionarios
O sindicato denunciou falta de espazo nas novas dependencias dos xulgados e a Xunta respondeu poñendo mesas máis pequenas.
A solución, mesas máis pequenas.
A sección de Xustiza de UGT denunciou problemas de espazo nas novas dependencias dos xulgados do Mercantil e do Contencioso na Coruña, tras o seu traslado ás instalacións que antes ocupaban seccións da Audiencia Provincial.
Nun comunicado, lembra que en xullo presentou denuncia ante a Inspección de traballo pola "insuficiencia de espazo e seguridade" nestas oficinas. En concreto, precisa que "de 350 metros cadrados para 10 funcionarios pasouse a 150 metros cadrados".
Tamén lembra que, tras esta denuncia, por parte da Inspección de Traballo requiriuse á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza "para que antes do día 20 de outubro se fixesen as actuacións necesarias para adecuar os espazos e locais á lexislación vixente en materia de seguridade e saúde no traballo".
A SOLUCIÓN, MESAS MÁIS PEQUENAS
"Á poucos días de cumprirse o prazo, cunha evidente mala fe e con intención de burlar os termos nos que se debería cumprir o requirimento da Inspección, a Consellería tomou como única medida cambiar as mesas dos traballadores".
Ademais, sinala que o fixo "por outras de moito menor tamaño, calidade e que nin tan sequera teñen portateclados, e, nalgúns casos, sacar e cambiar armarios". Por este motivo, explica que presentaron unha ampliación da súa denuncia ante Inspección de Traballo.
Escribe o teu comentario