Os traballadores de auxiliares de Navantia manteñen a folga indefinida
Na antiga Astano a medida foi ratificada por unanimidade, mentres que en Ferrol houbo maior igualdade.
Os traballadores da industria auxiliar que operan nos dous estaleiros que a empresa pública Navantia ten na Ría de Ferrol decidiron, en senllas asembleas, manter a folga indefinida e non aceptar, por tanto, as proposta da mesa do sector naval de suspender este paro para abrir un proceso de negociación.
No caso de Fene, a decisión de manter o paro foi ratificada por unanimidade, mentres que en Ferrol a votación estivo máis igualada, ao apoiar 131 traballadores o continuar cos paros polos 99 votos dos traballadores partidarios de poñer fin a esta folga.
Tras esta decisión, o paro continua e o secretario comarcal de CIG-Industria, Vicente Vidal, asegurou e recoñeceu que "no encontro de onte (luns) déronse pasos para lograr acordos, como o que as condicións aparezan no convenio colectivo e que tamén deberán de ser respectados por todos as empresas auxiliares", abundou.
Aínda que incidiu en que hai un aspecto que os traballadores consideran fundamental e que non se recolle polo momento, "e é que todos os traballadores, da mesma categoría, cobren polo menos, e como mínimo, un mesmo salario, tal e como aparecía recollido nos acordos do ano 2001".
LIBRE ACCESO DOS OPERARIOS
Por outra banda, en senllas asembleas ratificouse a decisión de que "os traballadores da empresa principal poderán entrar a traballar de maneira libre", explicou, ao non estar estes recolleitos na convocatoria de folga, "afectando só estes paros aos traballadores das auxiliares", matizou, que manterán os piquetes nas portas da empresa pública para "controlar a entrada dos traballadores das compañías".
Vicente Vidal asegurou que nesta organización sindical, a única que convoca esta paro, están "dispostos a negociar todos os aspectos cos empresarios", "pero que os salarios de mínimos, e recollidas nas táboas do ano 2001, non se tocan", sentenciou.
Escribe o teu comentario