A Xunta chama a persoal sen experiencia contra incendios e deixa os seus traballadores na casa
ATRIFOGA considera "irracional" que non se conte cos traballadores que enviaron a casa hai unha semana.
Os incendios dos últimos días en Ourense desbordaron o operativo de extinción que queda funcionando tras o verán. Unha situación que obrigou a Medio Rural a chamar a máis persoal, para reforzar o dispositivo nos montes.
Con todo, tal e como denuncia a asociación ATRIFOGA nun comunicado, está a producirse unha situación "incomprensible". E é que tras o cese de máis de 600 efectivos contra incendios a final de setembro, a Xunta empezou a chamar este venres a "persoas que non teñen experiencia, que non están familiarizadas co operativo e que, no caso dos condutores de motobomba, non saben como funcionan os camións, ou non coñecen o terreo nin as zonas de carga e descarga".
A asociación cuestiona as "boas palabras" que recibiron de Medio Rural, ao constatar que o persoal "que traballou no verán e que está na casa non foi chamado, debido a que se supón que xa está a ocupar unha praza no servizo", unha situación que cualifican de "irracional".
Lamentan que a formación que a Consellería ten que proporcionar aos novos traballadores supón unha "perda de tempo" que se podería aforrar contando co persoal propio.
Escribe o teu comentario