Os dous candidatos á Secretaría Xeral do PSdeG enfróntanse este xoves nun debate
Celebrarase na sede do partido en Santiago. A CRTVG rexeitou darlle cobertura e sinal, pero verase a través de Internet.
Os dous candidatos á Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero e Juan Díaz Villoslada, celebran este xoves, a partir das seis da tarde, un debate na sede do partido en Santiago, na Rúa do Pino.
O encontro, segundo informa o PSdeG, estará dividido en tres bloques: modelo económico, modelo social e modelo de partido (este último con máis quendas de réplica ao tratarse dun debate para o proceso orgánico). Terá unha duración total aproximada de 40 minutos e o 'hashtag' en redes sociais será #DebatePSdeG.
Segundo indica o partido, púxose en contacto coa CRTVG para solicitarlle a cobertura e sinal do debate pero a petición foi rexeitada.
Así as cousas, a retransmisión será en directo por 'streaming' a través da páxina web primarias2017.socialistas.gal e pola páxina de Facebook do PSdeG.
Escribe o teu comentario